O Concello de Vilagarcía destinou en 2025 máis de 100.000 euros ás liñas de axudas para educación
VILAGARCÍA DE AROUSA
Hai liñas para estudos superiores e outras para Educación Infantil, e delas beneficiáronse 429 estudantes
02 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello de Vilagarcía destinou no exercicio económico que vén de rematar un total de 100.885 euros a axudas á Educación que beneficiaron a 429 estudantes e familias. En concreto foron 85.975 euros os repartidos en bolsas para estudos universitarios e de ciclos superiores, e 14.910 para as de escolarización Infantil. A Xunta de Goberno Local desta semana aprobou a resolución e o pago das respectivas convocatorias municipais correspondentes a 2025, de xeito que os beneficiarios poderán cobrar as achegas en breve, tan pronto como se completen as ordes de pago.
No caso das axudas a estudos superiores, en 2025 concedéronse 219 bolsas que no caso de cursar estudos universitarios ascenderon a 425 euros, e no de ciclos superiores, a 225. Dado que a partida inicial era de 68.000 euros, o executivo local decidiu ampliala coa cantidade necesaria para cubrir todas as solicitudes que cumprían os requisitos.
Con este mesmo obxectivo, o goberno aprobou na sesión do luns unha partida extraordinaria de 14.900 euros para completar a convocatoria de 2024, na que unha trintena de solicitudes que cumprían as bases quedaran fóra por esgotarse os 68.000 euros iniciais cos que se subvencionou a 176 estudantes ese ano. Deste xeito, tamén a principios de 2026 cobrarán as axudas estes 37 estudantes (33 universitarios, 3 de ciclos superiores e abonaranse 200 euros a un beneficiario que non puidera cobrar o total da axuda que lle correspondía).
Por último, o Concello tamén concedeu 70 euros a cada un dos 213 nenos e nenas beneficiarios das axudas para a escolarización en educación Infantil, contribuíndo así ao gasto que as familias teñen que realizar pola compra de material e equipamento para a cativada.
O compromiso do goberno de Alberto Varela por fomentar o acceso á educación en todos os niveis do ensino é unha constante. Dada a vertente social destas iniciativas municipais, a concesión das bolsas está suxeita, entre outras cuestións, aos niveis de renda da unidade familiar co obxectivo de que as axudas cheguen a quen as necesita e de que o nivel económico non sexa impedimento para que unha persoa poida formarse. Tamén por iso, as achegas municipais son compatibles con bolsas doutras administracións.