Preparou fideos con peixe sapo e ameixas ante uns 25 asistentes
02 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A praza de abastos é un dos mellores aliados no arsenal de Xoanqui Ameixeiras, como se propuxo demostrar onte na segunda xornada do ciclo «O calendario da Ría na túa mesa», no que o mediático cociñeiro compartirá, en formato obradoiro aberto para todo aquel que queira participar, parte da súa sabedoría e dos seus segredos.
A primeira cullerada deste ciclo, que se prolongará ao longo dos próximos 12 meses en datas salteadas, tivo lugar o sábado pasado na lonxa carrilexa, un evento con gran afluencia de xente, no que o produto estrela foron as conservas de Os Peperetes.
Nesta ocasión, a primeira desta edición na praza de abastos vilagarciá, que será a localización da maioría das sesións, os ingredientes protagonistas foron o pescado e o marisco.
Xoanqui preparou nun dos postos do primeiro andar do edificio uns bocartes ao forno e fideos con peixe sapo e ameixas de Carril, avituallado de ingredientes adquiridos na súa meirande parte na propia praza, tres fogóns e unha cámara para facilitar a tódolos asistentes —unhas 25 persoas— o seguimento das receitas, as cales, igual que o resto das preparadas durante os obradoiros, poderán consultarse na páxina web do Concello de Vilagarcía.