O arousán Álex César cólgase a prata de xavelina no Campionato de España Sub-18
VILAGARCÍA DE AROUSA
O deportista da Agrupación Atlética Mazí bateu catro veces a súa mellor marca persoal no seu asalto ao podio nacional
03 mar 2025 . Actualizado a las 19:06 h.Álex César, deportista da Agrupación Atlética Mazí de Vilagarcía de Arousa, volveu esta pasada fin de semana de Castellón de la Plana coa medalla de prata no concurso de xavelina sub-18 do Campionato de España de Lanzamentos Longos.
O vilagarcián, que chegaba á cita nacional coa terceira mellor marca da temporada, asinou unha actuación practicamente perfecta na que foi a súa terceira participación nunha cita deste nivel. Cun mellor lanzamento de 62 metros e 85 centímetros, o pupilo de Isidro Fernández na Mazí conseguiu a mellor marca persoal da súa carreira. Pero é que o arousán bateu o rexistro individual co que chegaba a Castellón en catro dos seus cinco lanzamentos válidos no Campionato de España. Co seu 62,85 metros, Álex César sitúase entre os mellores especialistas históricos en xavelina sub-18 a nivel galego.