Queremos Galego! levou a súa campaña a prol do idioma ao mercado de Vilagarcía

La Voz VILAGARCÍA

VILAGARCÍA DE AROUSA

A plataforma invita á cidadanía a participar na manifestación do día 23 en Santiago

08 feb 2025 . Actualizado a las 16:45 h.

A plataforma Queremos Galego! do Salnés estivo esta mañá repartindo información polo mercado de Vilagarcía e animando á cidadanía a participar na manifestación que terá lugar o vindeiro 23 de febreiro ás 12 horas en Santiago baixo o lema «Lingua Vital Xa!».

A plataforma cumpre así coas actividades acordadas no plenario que tivo lugar o pasado xoves en Vilagarcía, as cales teñen como obxectivo «trasladar á poboación a situación de emerxencia nas que se atopa o noso idioma e os continuos ataques sufridos por parte das administracións que supostamente deberían defendela».

«Dende Queremos Galego aspiramos a recoller e transformar en enerxía a prol da defensa do noso idioma, elemento central da nosa existencia colectiva, a gran preocupación que a actual política lingüística do Goberno galego ten creado en amplos sectores da sociedade, independentemente das súas afiliacións ou simpatías. Instamos ao noso pobo a moverse a favor de aquilo que nos une e identifica, que nos sitúa as galegas e os galegos no mundo no mesmo nivel que as outras culturas do planeta, aquilo que nos fai universais: a nosa lingua», engade a plataforma.