Úbeda bateu o porteiro rival nunha segunda parte chea de chegadas cargadas de perigo do Arousa
19 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O da tarde do sábado no Manuel Jiménez é un deses partidos que un equipo como o Arousa debe gañar si ou si para camiñar firme cara a súa reválida un ano máis na División de Honor Juvenil, a máxima categoría do fútbol de formación en España. E os pupilos de David López, Perú, non fallaron ante o penúltimo clasificado, o Veriña. O único pero, a falta de acerto do cadro arlequinado, que se tivo que conformar co solitario tanto de Úbeda no minuto 61.
O certo é que o Arousa non pasou o máis mínimo apuro. Sabedor da capacidade do Veriña para facer dano en transición, o adestrador vilagarcián viu como os seus xogadores aplicaban á perfección un plan de partido que maniatou o seu rival. Só nas accións a balón parado atopou o Veriña esperanza de conseguir o que non foi quen de acadar. O bo traballo defensivo dos visitantes e un chisco de falta de velocidade na circulación de balón dos arlequinados limitaron o marcador final ao 1-0.
Na primeira parte a defensa do Veriña tivo que sacar baixo paus un remate de Seijo. Úbeda e Pedro Bouzada, este mandando o balón lixeiramente axustado por fóra, completaron as contadas ocasións manifestas de gol do Arousa antes do descanso.
Á volta do pase por vestiarios os locais xeraron numerosas accións para marcar, con Seijo, con Pedro Bouzada e Iker protagonizando as máis claras antes do gol. Un tanto que naceu dun disparo de Seijo rexeitado. Úbeda recolleu o esférico e non perdoou. Dous mans a mans de David Piñeiro ante o porteiro rival, un remate de Seijo e un balón estrelado por Yeray no longueiro fixeron curto o 1-0.