O Curtas atraeu a Vilagarcía a máis de 21.000 persoas só co Batmóbil

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

«Se a alguén lle quedaban dúbidas do potencial do festival, agora quedou de relevo o que pode chegar a ser se se traballa como se podería traballar», declara o director do certame, que pide unha grande alianza das forzas vivas do concello para impulsar o certame

05 nov 2024 . Actualizado a las 15:35 h.

«Se a alguén lle quedaban dúbidas do potencial do festival, agora quedou de relevo o que pode chegar a ser se se traballa como se podería traballar». As palabras de Luis Miguel Rosales non nacen da euforia desatada do máximo responsable de ver a Vilagarcía de Arousa rebordar de visitantes nos dous últimos días do Curtas. O aviso a navegantes parte dun exhausto director de orquestra que, como a ducia restante de membros da organización do festival de cinema fantástico e de terror, comezaba onte a repoñerse do seu esforzo desinteresado coa satisfacción da potente resposta popular ás nove xornadas de programación.

Sen medios para moitas medicións, a única cifra que onte podía proporcionar Rosales da última edición do Curtas é a do número de persoas que entre o venres e o sábado da semana pasada fixeron cola para entrar no perímetro co que os responsables do certame rodearon o Batmóbil das películas de Tim Burton a modo de fotocol. «Máis de 21.000», informa o director do Curtas sen contar a multitude de xente que se fotografou desde fóra do cordón que ordenaba o achegamento ao vehículo de Batman na Praza de Galicia.

Rosales e os seus compañeiros de aventura víronse «desbordados por momentos» na segunda e última fin de semana do Festival do Imaxinario de Vilagarcía. Dous días, venres e sábado, no que «practicamente tivemos cheo total en todas as actividades que programamos», di. Desde a proxección da primeira versión cinematográfica de O Chepudo de Notre Dame, o gran clásico mudo de 1923 con Lon Chaney, acompañado da música do grupo de cámara vigués Caspervek, ata A Sinfonía do Morcego, concerto que serviu de acto de clausura do Curtas, con máis de 70 músicos da orquestra A Clásica de Vigo, precedida da entrega dos premios aos mellores traballos e direccións entre os 113 filmes de 31 países proxectados este ano no festival decano do audiovisual galego. Un concerto de despedida no que se interpretaron as bandas sonoras das adaptacións de Batman á gran pantalla, xerando tal expectación, que a cola de entrada ao Auditorio chegaba ata o paso de peóns da Avenida da Mariña. 

«Creo que Vilagarcía nunca tivera tanta xente nesta época do ano», di o director do Curtas antes de reiterar o enorme potencial de crecemento do certame e, con el, da atracción a Vilagarcía de moitos máis visitantes durante os seus nove días de duración. Pero para explotar este filón «temos que traballar todos xuntos», engade. Unha frase que acompaña cun: «Ogallá as forzas vivas da cidade tomen nota. Desde aquí fago un chamamento, e se queren, reunírmonos para facer de Vilagarcía un referente nesta época do ano». Unhas datas de Defuntos nas que a recuperación galopante do Samaín tradicional e a irrupción do Halloween estadounidense están a multiplicar exponencialmente nos últimos anos as lexións de fans entregados á causa en calquera lugar, parroquia ou vila que aposte por empaparse do espírito dunha festa dos mortos que une a medio planeta con decenas de vistosos formatos adaptados a cadansúa cultura.

«Por primeira vez houbo que facer control de acceso»

As máis de 21.000 persoas que entre o venres e o sábado fixeron cola para fotografarse a un palmo do Batmóbil na Praza de Galicia non quixeron perderse as dúas exposicións nunha que o Curtas ofrecía sobre o Home Morcego a escasos cen metros, na Sala Rivas Briones de Vilagarcía. Foi tal a cantidade de xente que quixo desfrutar delas, que «por primeira vez na historia da Sala Rivas Briones houbo que facer control de aforo», sinala o director do festival.