O paradoxo

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

VILAGARCÍA DE AROUSA

30 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Comentábanme en Ferrol como se transformara a cidade e a comarca a partir da construción da famosa Ponte das Pías en 1968. «A ría antes da ponte estaba moito máis unida», explicábame a historiadora Margarita Sánchez.

Parece un paradoxo, pero ten todo o sentido. A ponte rematou con todas as liñas de vapores, o comercio e o traballo a curta distancia. Hoxe, do vello sistema de interconexión marítima das rías galegas, só sobrevive o barco entre Vigo e Cangas.

O meu pai, Manuel Gago Pérez, xa ten nas mans o seu segundo libro: Galeóns, vapores e motores (Era Dixital, 2022). Unha crónica do complexo mundo dos transportes marítimos no interior da ría de Arousa e que foi fundamental para entendermos o desenvolvemento económico e social dos concellos do norte da ría durante os séculos XIX e XX.

Nucleados a través do importante nodo comercial e loxístico de Vilagarcía, que xuntaba o porto internacional xunto co ferrocarril, a ría de Arousa por volta dos anos 20 ou 30 debía ser un espectáculo de vapores navegando sen parar entre Ribeira, A Pobra ou Rianxo cara os portos do Salnés.

Nomes de barcos como o aristocrático The Lancer, traído do Reino Unido, o Caramiñal ou os Ría de Arosa están vinculados á memoria dos máis maiores e lémbranos un mundo moi distinto ao noso. Fronte a aquela ría que era un espazo de comunicación, de negocios e vida, as novas vías terrestres están a separar cada vez máis os vínculos humanos entre as dúas ribeiras do mar de Arousa. Por iso este libro é importante.