Arousa volve soñar con ser da EBA

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

O Sigaltec disputará mañá a fase de ascenso cun cadro de xogadores da casa

29 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Sigaltec CLB encarará mañá un reto maiúsculo. Con Luis Gabín á fronte, o conxunto vilagarcián pelexará no Pavillón Alonso de la Torre de Noia o ascenso á EBA. Unha categoría na que a capital arousá gozou durante a primeira década do presente século da condición de praza grande, con varios títulos de conferencia no seu haber, ata que a retirada de Inelga como patrocinador do BBC obrigou o club a un desterro voluntario ao limbo do baloncesto autonómico ao termo da tempada 2008/09.

Catro anos máis tarde, o histórico ascenso do Xuven Cambados á LEB Prata deixaba o baloncesto do Salnés sen representación na EBA. Situación que se mantivo desde a primavera do ano 2013 ata hoxe, agravada nos tres últimos cursos tras o afundimento do Xuven, relegado de golpe dúas categorías pola pésima xestión desde a presidencia de Toño Lema.

Segundo do seu grupo na segunda fase da Liga, o Sigaltec CLB abrirá mañá unha atípica fase de ascenso exprés, con dous pasaportes á EBA en xogo. Con catro partidos concentrados nun só día. Ás dez da mañá o cadro arousán enfrontaráse co Marín PeixeGalego, primeiro do outro grupo, na primeira semifinal. O Bosco Persan Stores, mellor equipo do grupo do Sigaltec, mediráse desde as doce ao Obradoiro USC. Os dous vencedores xogaránse o título autonómico a partir das sete e cuarto da tarde co ascenso no peto, agás que un dos finalistas sexa o Obradoiro USC, ao tratarse este do terceiro equipo do club santiagués, que ten o seu primeiro filial, o Silleda, xogando xa na EBA. De darse esta circunstancia, será o gañador do partido polo terceiro e polo cuarto posto, programado para as catro e cuarto, o que se faga co último billete premiado.

Dáse a circunstancia de que á fronte do Sigaltec CLB figura, desde a tempada pasada, quen fora o segundo de Espiñeira na derradeira tempada do Inelga BBC naquela xa borrosa liga 2008/09. Home de club, cun único ano sabático desde que comezou xogar en infantís no BBC con 12 anos, aló polo 2000, Gabín aventuraba onte unha complicadísima misión ante o Marín PeixeGalego. E iso porque, tras caer de golpe da LEB Ouro á Primeira Autonómica, o cadro do Lérez armou un equipo «con 4-5 rapaces moi contrastados a nivel EBA e contan cun cinco americano, Darnell William, todos moi afeitos a unha grande esixencia física». Gañar o primeiro asalto e non depender do que faga o Obradoiro USC na súa semifinal para pensar nunha posible repesca a primeira hora da tarde pasa, di Gabín, por «buscar darlle moito ritmo ao partido».

Un equipo cun pai e o seu fillo, con dous irmáns e con dúas ducias de defensas naturais ante o covid

Cun equipo da casa. Con iso é co que o Sigaltec CLB chegou á fase de ascenso. Co noiés Adrián Rico coma excepción, os xogadores de Luis Gabín son produto das canteiras do BBC, do extinto Liceo Casino ou ben xa da fusión de ambas as dúas e a do Cortegada no proxecto CLB. Con dous terzos do cadro inda en idades sub 25, tres no seu primeiro ano sénior.

Cal é o segredo do éxito do conxunto vilagarcián? O seu adestrador condénsao en catro palabras: «A constancia do proxecto». Así, Gabín explica que «contamos cun grupo de 25 xogadores que lle dan continuidade ao equipo. Xogadores da canteira que ao mellor un ano, dous, tres non poden competir, por estudos ou por outras razóns, e despois volven ao equipo». Este recurso, que sen ir máis lonxe se traduciu no cambio da metade do vestiario respecto á campaña anterior, permitiulle ao Sigaltec «que este ano fora moito máis fácil que para calquera outro equipo», reflexiona o seu técnico. Para mostra, un botón: «Nós, sen saber se ía haber competición, estivemos adestrando entre setembro e outubro con doce xogadores. Penso que poucos equipos puideron facer o mesmo». De aí, seguramente, que dos 16 conxuntos cos que habitualmente conta a Primeira Autonómica Galega só acabaran saíndo a xogar dez.

Entre os contados xogadores experimentados do Sigaltec figuran os irmáns Rubén e Borja López, este último, vencellado ao Xuven nunha das súas tempadas na LEB Prata. Tamén Patricio Serqueira, unha das estrelas da época gloriosa do Inelga BBC, que aos seus 49 anos soña con poder volver compartir cancha na fase co seu fillo Patricio, de 18, logo de facelo por primeira vez en partido oficial a semana pasada en Narón no derradeiro partido a segunda fase da Liga.