O Arousa supera o Deiro e accede aos oitavos de final da Copa Deputación

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

Ribadumia e Unión Grove tamén pasan o corte con goleadas

20 feb 2020 . Actualizado a las 22:15 h.

Non houbo lugar á sorpresa, e como a semana anterior na primeira eliminatoria da Copa Deputación, que superaba cun 0-7 ao Anduriña, o Arousa de Rafa Sáez non tivo na noite do mércores problema para impoñerse no seu cruce de dezaseisavos de final fronte á U.D.S.M. Deiro. O resultado final, 1-4, con Iago Martínez abrindo o marcador no minuto 11, o xuvenil Nico subindo o 0-2 no 64, e un tanto en propia meta do local Íker acabando de matar o cruce; Javi Otero pecharía a conta vilagarciá no 88, con Fernando Rey asinando o tanto da honra do Deiro.

Rafa Sáez afrontou o choque con nove futbolistas do primeiro equipo, o porteiro Dieste, os defensas Javi Fontán, Trapero e Iago Martínez, os centrocampistas Sidibé e Mon, e os atacantes Jorge Sáez, Suso e Javi Otero. A eles engadíulles o técnico pontevedrés os xuvenís Baraca, Antón, Condado, Davila, Álex, Nico e Raúl Martiñán, este último un máis do primeiro equipo desde que comezou a tempada.

Julio Rey, Manu Rodríguez e Pedro Beda foron as únicas ausencias obrigadas, os tres descartados por cadansúa lesión para o encontro de mañá sábado no Campo Municipal de Vilaxoán fronte ao Racing Vilalbés. No caso do dianteiro centro, tras coñecerse que unha segunda ecografía obriga a ampliar en dúas semanas o mes inicialmente previsto para a súa recuperación, logo de sufrir unha rotura fibrilar no bíceps femoral da súa perna dereita durante o adestramento do pasado día 6. Preguntado pola noticia, Rafa Sáez cualificouna de «un inconveniente», engadindo que «lo único que podemos hacer es superarla, como ha venido haciendo el equipo» coas lesións de Jorge Sáez, Julio Rey ou Manu Rodríguez.

Dobrete de Rubén Cerqueiras

Outros dous equipos do Salnés disputaron na noite do mércores as súas eliminatorias, a partido único, dos dezaseisavos de final da Copa Deputación. E en ambos os dous casos, como no do Arousa, con goleadas que lles deron o pase á seguinte rolda. O Unión S.D. O Grove endosoulle un 0-6 ao A.CD. Barro, mentres que o C.D. Ribadumia ratificou o seu excelso momento cun 0-5 ao Caldas. Rubén Cerqueiras, por partida dobre (minutos 12 e 55), Cheri (minuto 19), Monchito (43) e Juanito (75) puxeron os goles do conxunto que dirixe o vilanovés Luis Carro.