A tempada fallida dun Arousa que chegou a crer que si se pode

VILAGARCÍA DE AROUSA

Ramón Leiro

A ilusión xerada pola chegada de Sáez e polo brillante inicio de curso foi liquidada pola realidade dun equipo que se probou demasiado limitado

21 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Noveno clasificado con 57 puntos, 8 por debaixo dun Alondras que se axenciou de novo o cuarto e último pasaporte para a fase de ascenso á Segunda B. Logo de coquetear con xogala ata a derradeira xornada de Liga as dúas tempadas precedentes, con Jorge Otero á fronte do vestiario, o Arousa completou o curso 2018/19 retrotraéndose aos números da era Piscis no último regreso do equipo á Terceira; os dun equipo incapaz de chegar ao derradeiro mes de competición na pelexa pola promoción.

Estas son as claves principais detrás dunha nova tempada de decepción entre a afección arlequinada, que ve cumpridos 25 anos desde o adeus á categoría de bronce do balompé español sen que desde aquela o Arousa fose quen sequera de clasificarse para unha soa edición do play-off.

sidibé

A pedra angular do proxecto pártese antes de comezar

O 11 de agosto do 2018 o Arousa rexistrou sen sabelo o primeiro párrafo do seu infeliz final. Non ían nin dez minutos do amigable que o equipo vilagarcián disputaba en Portonovo fronte ao Rápido de Bouzas de Jorge Otero cando Sidibé sufría unha grave lesión de xeonllo, que o obrigaría a pasar dúas veces por quirófano, impedíndolle xogar un minuto na Liga. Rafa Sáez, que en xuño claudicara ante o terceiro intento do presidente arlequinado, Manolo Abalo, de contar con el para dirixir o Arousa á fase, perdía o xogador chamado a equilibrar e potenciar as virtudes dun equipo feito a imaxe e semellanza do técnico, que fixo unha renovación total no vestiario da Lomba -só se asinaron cinco renovacións-.

espellismo

Sete espumosas xornadas

Seis vitorias e unha derrota nas sete primeiras xornadas de Liga desataron a euforia entre a afección vilagarciá. Sáez, que só puido incorporar a Mou como recambio de Sidibé polo pesado lastre económico das sucesivas sentenzas condenatorias no caso de Pepe el utillero, semelleba ter atopado unha solución redonda reunindo no dobre pivote a Manu Rodríguez e Julio Rey. Un espellismo. Non só é que o Arousa non volvese ser quen de enlazar tres triunfos, é que só encadeou dous en dúas ocasión máis o resto da Liga.

Sylladependencia

Sen fondo de armario

Rafa Sáez optou por un cadro de persoal curto, pero cun once de garantías. Mais o paso das xornadas espíu as súas carencias. Á falta dun segundo Sidibé sumouse a excesiva dependencia do equipo da xeración de xogo dun brillante Luis García e do gol de Sylla, segundo máximo realizador da Terceira galega con 24 dos 57 tantos do Arousa na Liga. Luis García foi o segundo maior artificieiro con 7, e Mauri, que deixou A Lomba en xaneiro, terceiro con 5.

fallou a mentalidade

Lamentable final de Liga

O Arousa fixo o máis difícil, volver á pelexa polo cuarto posto cando semellaba morto xa ao termo da 23ª. xornada, noveno a 13 puntos da U.D. Ourense. Logo de ser quen de gañarlles a Compos, Bergan e a U.D., a inexplicable derrota ante o pechacancelas e descendido Porriño (3-2) iniciou o lamentable final de Liga do Arousa: cinco derrotas por tan só catro vitorias.

Solidariedade con Manolo Abalo

Anunciárano o pasado día 7 a través dun comunicado, e o domingo os membros da Asociación de Clubs Galegos de Fútbol materializaron o seu apoio ao presidente do Arousa, Manolo Abalo, ante o seu inminente xuízo penal polo caso de Pepe el utillero despregando nos campos da Terceira -na foto, A Senra- unha pancarta solidaria. foto ramón leiro