Comercio e hostalaría préstanse a axudar a que o AF7 siga en Vilagarcía

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Zona Aberta ofrécese a mediar entre torneo e Concello, e o presidente de Ahituvi fala de fórmulas innovadoras de patrocinio. Antes queren saber os porqués do AF7

21 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«É un torneo que xurdiu aquí, que se forxou aquí. Non deberamos chegar ao extremo de que marche, e menos para Sanxenxo, onde máis aló do verán non se fai ningún esforzo por este tipo de iniciativas». O presidente de Ahituvi, Ríchard Santamaría, falaba onte, subliña, a título individual, sobre a posibilidade aberta pola organización do Torneo Internacional Alevín Arousa Fútbol 7 de levar a súa criatura ao concello da ría de Pontevedra, logo da celebración íntegra das súas primeiras 22 edicións na capital arousá. Tanto Santamaría como a súa homóloga na presidencia da asociación de comerciantes de Vilagarcía Zona Aberta, Rocío Louzán, manifestaban onte publicamente o negativo que resultaría para a localidade a saída do AF7, prestándose en ambos os dous casos a poñer o seu gran de area para que o sangue non chegue ao río.

«Todo o que sexa eliminar calquera actividade cultural ou deportiva da axenda de Vilagarcía é moi negativo», sinala Rocío Louzán. E iso porque, na liña do subliñado durante anos polos responsables do campionato internacional cando falan do importante impacto económico das dúas fases do seu evento na vila e na contorna, o AF7 «é importantísimo. A xente que vén ao torneo pasea por aquí, compra aquí, come aquí... Todo este tipo de torneos son para nós fundamentais».

Así as cousas, desde Zona Aberta amósanse «abertos a volver a colaborar co torneo», unha relación que se extinguiu con anterioridade á chegada de Rocío Louzán á directiva da asociación. Pero sobre todo, e toda vez que a capacidade económica do seu colectivo dista de ser a solución ao problema que poida ter o Arousa Fútbol 7 cando barralla a saída de Vilagarcía, a presidenta dos comerciantes ofrécese a, «se é preciso algún tipo de mediación» co Concello, aparente destinatario das dúbidas que manexarían os responsables do torneo, «axudar para chegar a bo porto».

Claro que, para entrar na cuestión, Rocío Louzán precisaría dunha chamada do AF7. «Comigo non se puxo ninguén en contacto» sobre o particular, e «eu non sei realmente que tipo de problemática existe».

Na mesma liña se manifesta o presidente de Ahituvi: «Se eu soubese os porqués do AF7, quizais puidese entendelos». E é que, sendo un posible interlocutor co que buscar solución a ese insuficiente apoio de Vilagarcía que con certa recorrencia salientan desde o AF7, «non coñezo a fondo as razóns» de que o torneo estude o seu cambio de domicilio a Sanxenxo, di Santamaría.

Diálogo si, globos sonda, non

«A posible marcha do Arousa Fútbol 7 de Vilagarcía é mala. Hai que entender que naceu aquí, e se tes un contratempo, non podes fuxir. Deberas falar antes con outros actores sociais para tratar de que o torneo quede» e non, diríxese Santamaría á súa organización, «chegar a este extremo», nin tirar, como «outros anos xa», deste «tipo de globo sonda, buscando forzar un pouco o apoio do Concello».

O presidente de Ahituvi, colectivo que aglutina a uns 40 hostaleiros de Vilagarcía, entende que «o primeiro que habería que saber son os porqués do AF7», considerando que ata hoxe as declaracións públicas dos seus responsables dan a entender razóns sen expoñelas. «Deben ser claros no que queren, e unha vez saibamos cal é o problema, tentar solucionalo». No seu caso, e sobre a base do que están a barallar as entidades reunidas recentemente arredor da mesa de turismo local, unha posible vía de traballo pasaría por «ao mellor pensar nun convenio entre asociacións de comerciantes e hostaleiros e promotoras de eventos deportivos e culturais da vila para negociar patrocinios conxuntos con empresas, e depender menos das administracións».

Chegados a este punto, Louzán e Santamaría coinciden en que «hai que chegar a unha solución» que poña fin aos titubeos recorrentes do AF7 sobre a súa continuidade en Vilagarcía.