«A cabeza do dragón», de Valle, para abrir a tempada dramática de Vilagarcía

VILAGARCÍA DE AROUSA

Jorge Parri

A peza que Producións Teatrais Excéntricas pon en escena chegará o día 29 ao auditorio municipal

18 sep 2018 . Actualizado a las 21:41 h.

29 de setembro • 21 horas • 5 euros • Auditorio de Vilagarcía • Lonxe da garrulesca polémica que se desatou hai vinte anos, ao fío dunha primeira tradución da obra do dramaturgo, «A cabeza do dragón», o primeiro Valle-Inclán en galego, é xa por dereito propio o éxito teatral do ano en Galicia. A peza que Producións Teatrais Excéntricas pon en escena chegará o día 29 ao auditorio municipal, abrindo a tempada teatral en Vilagarcía de xeito inmellorable. Incluída na colección «Tablado de marionetas para educación de príncipes», esta farsa toca temas coma a corrupción política, a violencia machista, o medo á liberdade ou a anacrónica institución da monarquía. A compañía tira de estética xaponesa para darlle vida baixo a dirección de Quico Cadaval e as interpretacións de María Costas, Iván Marcos, Yelena Molina, Víctor Mosqueira, Marcos Orsi, Josito Porto e Patricia Vázquez. Ravella estrea a gratuidade da función para parados, estudantes e maiores de 65 anos.