Vilagarcía volve ao escenario

VILAGARCÍA DE AROUSA

Jorge Parri

O Concello e Agadic arrincan un programa que comeza a finais de mes con «A cabeza do dragón»

08 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Achégase o tempo do frío. E para esas noites de abrigo e choiva, o Concello de Vilagarcía, da man do Agadic, ven de lanzar unha proposta chea de teatro. En concreto, de «teatro galego» que o Concello quere achegar a todo o mundo. Así que, malia que o prezo das entradas está fixado en cinco euros, serán gratis para desempregados, estudantes e maiores de 65 anos. Non hai escusa, está claro, para non encher o auditorio. Máxime, cando a oferta é tan atractiva como acontece desta volta.

Arrinca o programa de teatro cunha obra con dobre acento arousán. Excéntricas chegará o 29 de setembro a Vilagarcía para presentar A cabeza do dragón, un dos clásicos de Valle-Inclán. O espectáculo pecha aquí un triunfante percorrido por todo o territorio, e unha manchea de premios María Casares. Non había un sitio mellor para poñer o punto e final a ese camiño, sentenciaban onte Víctor Mosqueira e Josito Porto, dous dos protagonistas.

«A cabeza do dragón» marca as condicións xerais deste ciclo, no que as representacións serán todos os sábados. E en case todos os casos, ás nove da noite. Só a última peza, de Malasombra Produccións, romperá ese cronograma para iniciarse ás sete da tarde. Estaremos, para entón, a mediados de decembro, co Nadal ás portas, un momento propicio para que pais e fillos compartan unha tarde de teatro con Os fabulosos cleaners.

Non debemos correr tanto. Porque, antes dese momento, polo escenario vilagarcián deberán pasar Eme2emociónArte, con A leituga (13 de outubro), Señora Supina con Cinco mulleres que comen tortilla (20 de outubro), e Invisibles (24 de novembro). Merece, esta peza, un tratamento especial, porque nela volvemos atopar un vínculo especial coa nosa bisbarra. Trátase da adaptación teatral da obra homónima na que a escritora vilagarciá, Montse Fajardo, fai un descarnado relato de realidade da violencia machista. Un libro no que se intenta facer visible o invisible: ás vítimas, que moitas veces pasan ao noso carón sen que nos decatemos, e aos maltratadores, que tamén son quen de camuflarse no noso entorno ata volverse, tamén, invisibles aos nosos ollos.

A concelleira de Cultura, Sonia Outón, e o representante de Agadic, Jacobo Sutil, gabaron onte a calidade de todos os espectáculos. Agora, toca gozar deles como se merece.