Rosalía de Castro revive hoxe en Carril

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Vilagarcía incorpórase á ruta rosaliana cunha exposición sobre a estadía, chea de misterios por resolver, da matriarca das letras galegas á beira do mar de Arousa días antes de morrer

03 nov 2022 . Actualizado a las 14:12 h.

«Antes de caer para no levantarse más; antes de aceptar resignada el doloroso calvario con que el Cielo quiso probarla, marchó a Carril con los suyos. Quería ver el mar antes de morir: el mar que había sido siempre, en la Naturaleza, su amor predilecto [...]. El día que abandonó el puerto, esperando el carruaje que debía conducirla a la estación, se impacientó porque tardaba en llegar. Ocurriósenos que lo mejor era, aunque breve el trayecto, que fuese por mar. Para ella constituyó tal contratiempo un descanso y una distracción inesperada».

Este fragmento, recollido dunha das cartas do seu home, Manuel Murguía, constitúe, xunto a un poema que forma parte de Cantares Gallegos, a principal referencia documental encol da estadía de Rosalía de Castro en Carril. Unha presenza que, se ben segue viva na memoria dos carrilexos, especialmente dos seus veciños máis provectos, está aínda chea de misterios. Se cadra o máis interesante de todos eles apunte á casa que a matriarca das letras ocupou moi preto do mar de Arousa. Fermín Bouza Brey, que traballou a materia, concluíu que se trataba do 14 da rúa Lucena. Porén, o rueiro ten mudado e non está claro que aquela vivenda sexa a que hoxe está etiquetada con tal número. «Sospeitamos que a casa foi derrubada nos anos 70, pero o certo é que este é un caso aberto», sinalan Carlos Blanco e Héctor Silveiro, dous dos integrantes do grupo de veciños dos que parte unha idea que hoxe se pon en pé e debería ter un longo percorrido para colocar a Carril, e con el a Vilagarcía, no mapa das rutas rosalianas. Polo de pronto, hoxe se inaugura unha exposición no Museo do Ferrocarril, a estación que a poetisa empregou para viaxar de Arousa á súa vivenda da Matanza, en Padrón, a mesma que dá acubillo á súa casa museo. Once paneis afondan no contexto histórico, finais do XIX, no que se insire a visita de Rosalía, a relación da autora co mar, un fecundo símbolo de vida e de morte, e coa propia vila arousá, ou a importancia que o porto carrilexo acaba naquela época.

«Para a fundación este é un proxecto fascinante. Rosalía é de todos e para nós esta é unha fin de semana moi especial, o 133 aniversario da súa morte. ‘‘Abride a fiestra, que quero ver o mar’’, foron as últimas palabras de Rosalía, e o último mar que viu foi o de Carril», subliña Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, que incorpora a Carril ao festival denominado precisamente así, Abride a Fiestra, que o sábado prosegue coa clásica subida en dorna dende Valga ata Padrón e conclúe o domingo, o día grande, cunha xornada de portas abertas na casa museo, e as actuacións de Mercedes Peón, Najla Shami ou Cintaadhesiva, entre outras.

Aquela última viaxe que lembraba Murguía debeu de suceder nalgún momento acabalo dos meses de xuño e xullo de 1885. A partir dos textos do propio historiador, dos poemas de Rosalía e da memoria oral que sobrevive en Carril, o grupo de veciños que impulsan o proxecto dramatizarán esta noite os derradeiros intres da poetisa á beira do mar de Arousa. Esther Formoso, Carmen Paz, Carlos Ocaña (que compón un dignísimo Murguía, por certo), Estrela Ocaña, Lucía Ivorra, Tino Gómez, Manuel Iglesias, Maite Casás, Cristina Abadín e Marcos Casás conforman o elenco principal. Como escribía o seu home, as forzas non debían xa ser moitas, e perante a demora que acumulaba a carruaxe que tiña que levala á estación, Rosalía embarca nun bote que a traslada dende a praia da Covacha ata a da Compostela, para dende ela achegarse xa ao camiño de ferro.

Seica houbo fotos dedicadas. Que Rosalía tiña moi boa relación coa súa caseira, o mesmo que as súas fillas respectivas. Que a vivenda que hoxe ocupa o Esmorga foi propiedade de Montero Ríos, e que é moi probable que a poetisa a visitase, habida conta do pensamento liberal que os dous profesaban. Trátase, agora, de seguir investigando. A fiestra fica, por fin, aberta de par en par.