O mestre que adora a Batman e vive coma Spiderman

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

A responsabilidade e a entrega guían a quen se sente privilexiado por poder traballar con amigos antes ca alumnos

18 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«É un gran poder, que leva consigo unha gran responsabilidade». Isidoro Canabal (Vilagarcía, 1972) tira dunha das máis famosas citas do cómic universal para contarnos en dúas frases como hai 12 anos o cruce de camiños co dos seus alumnos no centro de día da Asociación Con Eles para discapacitados intelectuais cambiou a súa perspectiva das cousas: «Cando te convertes en apoio de persoas convérteste nun modelo; porque confían moito en ti». De aí que, como Spiderman, Isidoro teña tomado a lección de Ben Parker ao seu sobriño Peter como principio do seu alter ego, un profesor de actividades físicas e do deporte que, o mesmo ca o seu superheroe de cabeceira, Batman, consegue cousas extraordinarias sen máis recursos cá súa preparación e enxeño.

Amante da ciencia ficción, Isidoro recíbenos na súa «Friki Room». Nela, desvélanos, atesoura «cómics, películas, figuras de colección, e a miña sala de cine na casa». Trae un almorzo dos que quitan a fame de só mirar para el. Con el comeza o día desde os seus inicios en Con Eles, cando «compaxinaba dúas horas traballando antes na unidade de día do SPAD, e pola tarde ía ao BBC» como preparador físico e técnico na base. Pero esa, a súa paixón por un club que non abandonou desde a súa fundación e que preside desde hai 4 anos, é unha historia para outro día. «Durante moitos anos o baloncesto foi o centro da miña vida. O traballo en Con Eles, superouno». Saibamos por que.

2006. Tras catro anos de monitor na Fundación de Vilagarcía e dous traballando no SPAD, Isidoro topou Con Eles. A asociación de pais e de nais de discapacitados intelectuais que nacera en 1998 para darlles aos seus fillos a atención especializada que o Centro Comarcal de Educación Especial de Vilagarcía non lles podía achegar máis aló dos 21 anos. «Xosé Luís Queiruga, o seu director, que fora xogador de balonmán e de tenis, buscaba un profesional para ofrecerlles aos usuarios actividade física», lembra Canabal. E Ben Parker comezou a soar na súa cabeza. ‘Un gran poder leva consigo unha gran responsabilidade’. «Non me asustaba, pero víao co máximo respecto, porque non tiña experiencia con persoas con discapacidade». Por iso, «pedinlles que me deixasen probar de voluntario. Botei dúas semanas así». Contrato a media xornada, paso a xornada completa en menos de medio ano; e ata hoxe.

«No momento en que apareceron estas persoas na miña vida, convertéronse en obxecto primordial. Ser o apoio de todos eles é un luxo, e que me paguen por iso é redondo», confesa Isidoro. Porque isto vai moito máis aló dunha relación de mestre e de alumno; e tamén máis aló do deporte. «Son persoas marabillosas coas que poder traballar. A súa motivación é espectacular. Cando se fala do deporte como un activo socializador, aquí vese. Usamos as instalacións da Fundación de Deportes, e cada vez que vemos os conserxes, ou que nos cruzamos co cadro do Cortegada... están interactuando. Campionatos, como os Xogos Autonómicos Special Olympics da semana pasada, son moi motivadores para eles; comer e falar con xente doutros puntos de Galicia... Esa é a prioridade, a activación social destas persoas. E se por enriba serve para mellorar a súa saúde, mellor ca mellor», conclúe Isidoro.

Para conseguilo, busca «que me vexan coma un máis, non como un adestrador ou un profesor, e estou orgulloso de que sexa así». Non o di el. Dino alumnos como o que un domingo atopou paseando por Vilagarcía coa súa familia; os seus pais preguntáronlle quen era Isidoro, e contestou: ‘Un amigo’. Tamén nolo contan as caras e os xestos de complicidade que hai oito días compartían con el os seus deportistas nos Xogos Autonómicos, imposibles de falsificar.

Canabal critica que estando preparado o centro de día de Con Eles para 50 usuarios, só conte con 31 porque a Xunta non subvenciona máis prazas, e tampouco lle permite á asociación rebaixar os 1.100 euros ao mes do prezo que estipula o regulamento autonómico para prazas sen axudas públicas. E iso, cando «estamos falando de familias que precisan do servizo toda a vida, e ves tantos gastos en cousas menos importantes», di.

Ten cara de boa persoa. ¿Precísase selo para facer o traballo que fai? Enfundado no traxe de Batman, o alegre Spiderman contéstanos: «Imaxino que hai que selo en todo na vida. O que trato é de ser moi honesto».