O radioaficionado que oíu a chamada de emerxencia

A súa paixón polas ondas levou a un adolescente Busto a participar na fundación de Protección Civil Vilagarcía


vilagarcía / la voz

Aos lectores máis novos soarálles a conto de vellos. Pero o certo é que existíu un mundo, á volta da esquina entre o S.XX e o XXI, no que a terra xiraba á marxe das costuras da rede de redes. Cos móbiles empezando a asomar nas rúas nas antípodas dun desexado apéndice de deseño. Un mundo que, porén, debía atender igualmente as emerxencias que, en forma de accidentes, temporais ou lumes, golpeaban de forma aleatoria nunha poboación que necesitaba quen a acudise. Nun mundo así xurdíu hai 25 anos a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Vilagarcía. E alí estaba Francisco Javier Guillán Busto (Vilagarcía, 16/XI/1977). Un adolescente que compartía coa maioría dos cofundadores da agrupación a súa condición de radioaficionado. E é que os vilagarciáns lle deben en boa medida a súa estimada Protección Civil a ese máxico invento xurdido da mente prodixiosa de Nikola Tesla a finais do S. XIX.

«Eu naquel entón era radioaficionado», cóntanos Paco Busto, desde hai 17 anos presidente da Agrupación de Voluntarios de P.C. de Vilagarcía e os últimos 13 ao cargo tamén do Servizo Municipal de Emerxencias da capital arousá. «Sen móbil, nin internet, daquela -1992- a coordinación de emerxencias dunha certa entidade facíase a través de radioaficionados. Tirábase dos teléfonos fixos, pero coas liñas que había era fácil que nos temporais se caesen. E o único recurso que quedaba entón eran os radioaficionados. Tiñan entón un papel importantísimo. A través da Remer, a Rede de Emerxencias, encargábanse das comunicacións de calquera emerxencia importante para o Goberno Civil».

Na liña modernizadora xurdida da Expo de Sevilla e dos Xogos de Barcelona, recorda Busto, «houbo un bum de creación de agrupacións de Protección Civil para cubrir o baleiro que había». E en Vilagarcía, o Concello tirou dun grupo de radioaficionados para poñer en marcha a súa: «A gran maioría dos 40 que empezariamos eramos radioaficionados. E como non había moitas agrupacións, tiñamos xente de concellos limítrofes, como Caldas ou Portas».

Con 15 anos o hoxe presidente do grupo de voluntarios se apuntou a el, dinos, «porque sempre me atraeu o mundo das emerxencias, o da seguridade, e mesmo o policial». Despois, «funme enganchando, e ata hoxe», no que a cobertura das emerxencias diluíu a fronteira entre o seu tempo de traballo, e o da súa vida privada. Ata o punto de que, confesa Busto, «só paro e desconecto de verdade cando estou fóra de aquí». Nove días este ano.

A súa descuberta vocación non tardou en extinguir a paixón de mocidade do noso cociñeiro. «Sigo mantendo o equipo, pero xa hai moitos anos que o teño abandonado». Con 13, lembra, fixérase radioaficionado «por un coñecido». «Gustábame a electrónica -ten a titulación de FP-, e chamoume a atención que cun pequeno aparello te puideses comunicar por todo o mundo». Cos anos, repasa, «creo que como radioaficionado non me quedou ningún continente sen contactar con alguén. Podías falar con calquera punto do mundo e a calquera hora. Pero tiñas que buscar o momento no que as condicións atmosféricas para a propagación das ondas che deixaran. Quedábache a satisfacción de ter falado, por exemplo, con China, sabendo que ata seis meses despois non o podería volver facer». A maioría das veces, falar por falar. De todo e de nada. «Chapurreando inglés», e con postais coa dirección da persoa ao outro lado das ondas como trofeo. A estación base compartida coa maioría de cofundadores da Agrupación de P.C. de Vilagarcía.

Desde que se dedica ás emerxencias, dúas son as maiores satisfaccións de Busto. A primeira, que «na intervención máis dura que tivemos, a das inundacións do 2006, con tres días e as correspondentes noites sen durmir, non tiveramos que lamentar ningún dano persoal grave». A outra, «a cara de agradecemento das persoas que sacas dunha situación de emerxencia calquera día». Traballos para os que «Vilagarcía conta cunha gran vantaxe», salienta Busto. «Un modelo que funciona en moitos outros países, pero que», lamenta «en Galicia non se soe dar, implementando o voluntariado e un servizo de emerxencias profesional. Non é doado que un voluntario, formado e ben equipado -como os 40 nos que se move permanentemente a súa agrupación-, traballe a carón dun profesional que está facendo o mesmo labor e recibindo unha contraprestación económica. E diso, de conseguilo, estou moi orgulloso». Porque do contrario «unha administración local como a de Vilagarcía non podería soportar o custe» dunha rede de emerxencias como a que dispón. E co plus, engade Paco, «da xestión do voluntariado e do servizo profesional desde un mesmo vértice piramidal», o coordinador único.

Claro que para que algo así funcione precísase tamén a persoa. Con maiúsculas. ¿E que ten Busto para resultar o home para este traballo». A súa propia resposta é «tranquilidade. Son unha persoa á que lle gusta sopesar as cousas. Esa é unha vantaxe para xestionar unha emerxencia. Pararse a pensar o tempo que se teña. Non tomar decisións á lixeira que poden ter consecuencias graves». O seu modelo, e a súa persoa, desmotraron ser un modelo seguro.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

O radioaficionado que oíu a chamada de emerxencia