«O noso é un canto á vida e á diversidade»

La Voz

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

O espectáculo de música familiar inicia hoxe a súa xira de Nadal no auditorio de Vilagarcía

25 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

As cancións de María Fumaça naceron como un agasallo de Uxía para o seu sobriño Ruí, un neno con parálise celebral. Gravávaas na casa rodeada da familia e dun grupo de músicos amigos aos que despois llas entregaba tamén nun cedé doméstico. Aqueles discos empezaron a rular de man en man e cada vez eran máis as persoas que animaban a Uxía a darlle visibilidade a aquel traballo. Ata que finalmente hai seis ou sete anos editouse o primeiro disco de María Fumaça e converteuse nun fenómeno. Despois chegaron os libros, os deuvedés, os concertos.... Sempre con Ruí como protagonista, e incluso, neste 2017, un premio Martín Códax na categoría de música infantil.

-¿María Fumaça fóisevos das mans?

-Un pouco si (rise). Pero tamén é certo que María Fumaça mantén o espírito co que naceu, ser unha celebración de vida. E, o máis importante, mantén o obxectivo co que xurdiu, que non é outro que darlle visibilidade á discapacidade na infancia.

-¿Que imos ver e escoitar hoxe en Vilagarcía?

-Imos presentar as cancións do terceiro disco, Aire, que aínda non o presentamos en Vilagarcía, onde sabemos que temos un público moi cómplice. E por suposto faremos tamén todas esas cancións que toda a rapazada xa sabe cantar e que agora recopilamos noutro disco que se titula As que máis molan.

-¿Por que o de «Aire»?

-É unha reivindicación de que todos temos dereito de ter o mesmo aire para respirar e para vivir.

-María Fumaça é un proxecto colectivo. ¿Cantas persoas estaredes en escea?

-Entre músicos, bailaríns, cantantes e rapaces seremos máis de 30 persoas no escenario.

-E Ruí, por suposto.

-O universo de Ruí é o centro do espectáculo. O que máis nos preocupa é que o público entre no seu universo sen prexuizos e poidamos todos disfrutar da riqueza da diversidade. Non hai que terlle medo a diversidade. Todo o contrario. Un neno coma Ruí fai que a nosa vida sexa moito máis rica.

-María Fumaça aborda a música infantil co mesmo rigor que se fose música adulta.

-Por suposto. María Fumaça traballa a música dende o máximo rigor, tanto nos arranxos como nas letras, e con todo o respecto para o público máis esixente do mundo, que son os cativos.