Efecto rebote da acción do Arousa

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

A blindaxe da portería vilagarciá multiplicou a súa produtividade combinada co regreso de Javi Pazos ao seu rol de goleador

24 oct 2017 . Actualizado a las 23:49 h.

O Arousa iniciaba onte a semana coa vista posta nun dos compromisos máis esixentes que lle poida ofrecer nestes momentos o calendario do grupo galego da Terceira División, a visita ao estadio de San Lázaro fronte a un Compostela terceiro na clasificación a tan só 2 puntos do líder, Silva. Por fortuna para os intereses do equipo que dirixe Jorge Otero, o cadro arlequinado faino coa súa acción cotizando á alza no mercado da Liga tras o seu primeiro grande efecto rebote. O que o levou a subir seis enteiros ao escalar desde a decimoterceira praza tras a derrota 2-0 na coruña fronte ao Silva, ao seu actual sétimo posto na táboa de valores da Terceira. Entre un e outro estremos do intervalo o Arousa case triplica os 6 puntos do seu casilleiro, para contar hoxe con 17. Un cambio propiciado por varios factores sustentados sobre a contabilidade real, pero tamén nesas variables psicolóxicas que acaban operando nas contas de resultados.

Labazada psicolóxica

A vergoña de acabar espido ante o modesto veciño. Dous empates e tres vitorias consecutivas encadea na actualidade o Arousa na Liga. Pero se a primeira das igualadas, 0-0 co Ribadumia no estadio da Lomba, iniciou a recuperación do Arousa non foi polo punto colleitado tras a derrota 2-0 ante o Silva na sexta xornada, senón pola labazada psicolóxica no orgullo do colectivo de Otero. O dominio do Ribadumia, merecente dos tres puntos na Lomba, obrigou o Arousa a mirarse no espello, e comprender que, tras mes e medio de competición cun único triunfo no seu haber, non lle quedaba outra que comezar a despexar o camiño cara a promoción de ascenso como meta asumida pola directiva, polo corpo técnico e polo plantel desde o primeiro día. A reacción vilagarciá o domingo ao tanto co que o Barbadás reestablecía a igualada no minuto 52 aproveitándose do letargo local dá fe do estado de alarma no que se mantén o Arousa desde a posta en evidencia do Ribadumia.

  

Portería a cero

Pechada a tenda de agasallos do equipo. Sete goles en contra custáronlle ao Arousa 12 dos primeiros 18 puntos en xogo na Liga. A maior parte nacidos de clamorosos erros na saída do balón ou en penaltis infantís. Catro partidos conseguiron manter os de Otero a súa potería a cero desde o empate sen goles co Ribadumia ata o tanto co que o Barbadás anulaba o 1-0 de Yerai que precedeu a goleada final do cadro arlequinado. En total, foron 453 minutos sen encaixar gol desde o 2-0 no 49 recibido no campo do Silva.

O gol, por 2

A produción ofensiva. duplicada en tres xornadas. Sete eran os goles a prol do Arousa ao termo da oitava xornada de Liga. Outros tantos sumou ao casilleiro nas tres últimas xornadas, nas que foi multiplicando os goles por 2 de partido a partido. Cun 1-0 superou o Racing Vilalbés, cun 0-2 vencía en Barraña no derbi interría ao Boiro, e cun 4-1 facíase cos tres puntos en xogo fronte ao Barbadás na Lomba o pasado domingo. Unha progresión de 7 goles a prol por 1 en contra que deixa en 14-8 o balance acumulado na Liga, e que acelera a inda distante converxencia coas ratios ataque-defensa dos cinco primeiros clasificados: +13 goles o Silva, +18 o Barco, +9 o Compostela, +13 o Bergantiños, e +9 o Ourense C.F.

  

A volta do pichichi

Javi Pazos, de novo a tanto por partido. Con tres goles nas cinco primeiras xornadas, Javi Pazos facía pensar que o Arousa atopara por fin o pichichi que tanto levaba buscando. Tras tres semanas sen ver portería, as que encadeou o equipo sen marcar entre o partido de Silva e do Laracha, o dianteiro de Marín poñía fin á súa seca no triunfo pola mínima co Vilalbés, indo desde entón a gol por partido para situarse con 6 cuarto na táboa de pichichis da Liga.