A escola de música valguesa organiza un campus musical polo Nadal

La Voz VALGA / LA VOZ

VALGA

O prazo de inscripción xa está aberto

16 dic 2025 . Actualizado a las 21:02 h.

A Escola Municipal de Música de Valga organiza durante o Nadal un campus musical que se desenvolverá nas instalacións do Auditorio durante dúas semanas, entre os días 20 de decembro e 3 de xaneiro.

As persoas inscritas no mesmo participarán en ensaios e actividades musicais en horario de once da mañá a dúas da tarde. Traballarán un repertorio integrado polos temas: Abertura do Ballet o Quebra-Noces, de Tchaikovsky; Sinfonía 9 do novo mundo, de A. Dvorak; Polka trisht-trasht e a Marcha Radetzky de Strauss. Os días 3, 4, 6 e 11 de xaneiro ofrecerán concertos no Auditorio, con entrada de balde para o público.

O Concello de Valga informa que o campus musical ten un prezo inicial de douscentos euros por participante, aínda que os membros da Orquestra e da Banda de Valga poden participar de xeito gratuíto.

As prazas para intervir son limitadas e as inscricións poden realizarse ata este xoves, 18 de decembro. Para iso é preciso realizar o pago na conta da Asociación Cultural Musival, cubrir a folla de matrícula e enviar os documentos ao enderezo electrónico esmudevalga@gmail.com.