O Concello de Valga e as centrais sindicais asinan o convenio do persoal laboral
VALGA
O documento terá que ser aprobado definitivamente polo pleno da corporación municipal
06 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello de Valga e os representantes das diferentes organizacións sindicais con representación no municipio arousán veñen de asinar o convenio colectivo do persoal laboral ao servizo da Administración local valguesa.
O acto de rúbrica, ao que precedeu unha longa negociación colectiva, tivo lugar onte no salón de plenos da Casa Consistorial. En nome do Concello asinaron o alcalde, o popular José María Bello Maneiro, e a concelleira de Emprego, Carmen González. Pola parte social, fixérono os delegados de persoal e as centrais sindicais CSIF, Comisións Obreiras e UXT.
O contido normativo do documento regula e pretende facilitar o normal desenvolvemento das relacións laborais no seo da Administración municipal. Non obstante, a súa entrada en vigor non será inmediata. Antes, o convenio deberá ser abordado pola comisión informativa correspondente para que, finalmente, o pleno da corporación de Valga proceda á súa aprobación definitiva. Un trámite que, na súa vertente política, garante a maioría absoluta que xestiona Bello Maneiro.