O alcalde foi un dos primerios veciños que aproveitou a ocasión para facer trámites
30 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Valga recibiu este luns por vez primeira á unidade móbil da Policía Nacional para a expedición e renovación do DNI e do pasaporte. Unha trintena de persoas deste municipio, pero tamén doutros da bisbarra, puideron actualizar a súa documentación sen necesidade de grandes desprazamentos. Un deles foi o alcalde, José María Bello Maneiro (PP), que acudiu a renovar o seu pasaporte e, de paso, saudar aos representantes da Comisaría de Pontevedra que se desprazaron con motivo da estrea deste novo servizo.
Bello Maneiro amosouse satisfeito por poder ofrecer este servizo en Valga, evitando que os veciños teñan que desprazarse a Santiago, Pontevedra ou Vilagarcía. Ademais, lembrou que non só poden acudir a esta oficina móbil persoas de Valga, senón tamén residentes noutros concellos. O rexedor destacou a gran acollida por parte dos cidadáns, que en cuestión de días coparon todas as citas, o que «demostra que este era un servizo necesario». Ademais das habituais renovacións de DNI e pasaporte, algúns dos usuarios que estaban citados nesta xornada tamén realizaron primeiras inscricións de cativos nados recentemente. En concreto, foron catro. A unidade móbil regresará a Valga nos meses de outubro e novembro.