O municipio reforza a súa aposta por adaptarse ás esixencias ambientais que chegan de Europa
28 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello do Grove segue a apostar pola compostaxe coma mellor fórmula para adaptarse as esixencias ambientais que chegan de Europa. Esta vila arousá vén de resultar beneficiaria da convocatoria de subvencións para a consolidación do Plan Revitaliza, unha convocatoria coa que se pretende impulsar os proxectos de reciclaxe e «facer fronte aos sobrecustes transitorios derivados da súa posta en marcha no período de cambio do actual sistema de recollida e tratamento ao novo sistema baseado na compostaxe, nas súas variantes complementarias COIN e Centros de compostaxe comunitaria».
No caso do Grove, o Concello puido adquirir grazas a esta subvención catro novos centros de compostaxe comunitaria, que se unen aos dez xa existentes e que están situados en diferentes lugares do municipio. Tamén adquiriu unha esteladora para biomasa, con toma de forza a tractor, e nove caixóns de estruturante para os novos e antigos centros de compostaxe comunitaria.
En Valga
En Valga, a empresa local Pabesa Senín foi a adxudicataria das obras de construción dun punto de tratamento de restos vexetais e acopio de material estruturante, nus terreos mercados polo Concello. Estase a instalar unha estrutura metálica, que estará pechada na parte traseira e nun dos seus laterais. Nela acumularanse os restos de poda e limpeza resultantes dos traballos de xardinería efectuados no municipio para trituralos e empregalos como estruturante.