Da catedral

X. A. Ochoa

VALGA

Hai uns dous mil anos aparecera fronte ó Castriño un barco de construción pesadísima, encallaba en canto petón afloraba e metía auga pola borda sen moita escora; de por máis enrolaba cativos mariñeiros: non eran xente de mar e traían unha fame terrible por viren aboiados dende facía sete días sen probar sustento.

Non se soubo ben como devalaran a Baléela pero alí recibírenos os do Castriño convocados por unha voz misteriosa que resoara pola contorna repetindo: «Velo aí tendes, na pedra pola pedra».

Aquel barco estraño traía, moi envolvido, un cadáver. Aos tripulantes entendéronlle non sei que duns misterios, curacións, doutra vida mellor e cousas desas, e, sobre todo, que porfiaban en chegar con aquela desgraza de nave ata o pedrón, ou algo así, que iso non o colleron moi ben porque xa era visto que alí mesmo había unha manchea de laxes, cons, rochas e penedos, ata que os do Castriño matinaren en que poderían querer remontala Ría.

Pero, para iso, aqueles dous homes precisarían axuda pensando nos lombos do Ulla e na caterva das xunqueiras de Valga, tipos duros que non estaban afeitos a tratar descoñecidos e non aturarían contos coma aqueles.

En albiscando que nas túnicas podería haber cartos, os do Castriño ofrecérense enseguidiña para embarcar naquela chalupa tan rara ata Iria, despois de faceren ver que os das xunqueiras non andaban con brinquedos, o cadáver xa cheiraba e o barco era o que era.

Atanasio e Teodoro

Acordaren un prezo, pouca cousa, e servírenlle de prácticos Ría arriba. Atanasio e Teodoro, os tripulantes, anunciárenlles solemnemente que o mundo enteiro sabería deles por seren os primeiros en velos e axudalos, que se converterían nun emporio do comercio e un feixe de agoiros máis. Os do Castriño de San Vicente cumpriren: pilotárenllelo barco pola banda norte do río ata Padrón.

Despois escoitaren algo duns bois, unha raíña e unha lanterna, ou cousa así, pero de Atanasio e Teodoro non souberon mais.

Nunca se dixo que Porviso varara aquel barco en Baléela para construír unha catedral en Punta Pateiro, onde hai moita pedra de gran miúdo, pero, daquela, os de San Vicente non sabían de márketing.