Un millón de euros en marcha para humanizar a contorna escolar de Barrantes e mellorar A Bouza
RIBADUMIA
Arrinca a obra que dotará o campo dun edificio de usos múltiples
29 nov 2025 . Actualizado a las 18:46 h.A un mes de despedir o ano, o Concello de Ribadumia celebra o inicio da obra de maior relevancia no orzamento municipal do 2025 aprobado esta mesma semana en pleno pola corporación. As máquinas comezaron a traballar nun proxecto dous por un, destinado a dotar o campo da Bouza dun novo e moderno edificio multiusos, e en paralelo, a humanizar a contorna escolar de Barrantes cun investimento de 1,08 millóns de euros: 700.000 inxectados polo Plan Provincia Extraordinaria-Plan Extra da Deputación, e o resto, financiados a través dun convenio co departamento de Turismo da Xunta.
No tocante á intervención no campo de fútbol da Bouza, ao longo dos vindeiros meses construiráse un inmoble de dúas plantas entre o pavillón polideportivo e as bancadas do terreo de xogo ao aire libre, dotando as instalacións dunha rampla peonil que facilite tamén o tránsito de persoas con mobilidade reducida. O edificio contará con vestiarios e servizos na súa parte inferior. Na planta alta habilitaráse unha cafetería e unha zona de despachos, esta última, pensada principalmente para as entidades deportivas usuarias das instalacións do lugar.
O Concello de Ribadumia replica deste xeito o modelo elixido no seu día para mellorar e modernizar as instalacións do complexo deportivo da Senra, que como agora na Bouza, incorporou unha cafetería con vista panorámica cara o campo de fútbol.
A outra pata do proxecto en marcha en Barrantes abrangue a urbanización e humanización do espazo público que conecta o Centro Público Integrado Becerra Malvar e as instalacións deportivas da parroquia ribadumiense. As obras inclúen a construción dun parque urbano, que servirá como zona de convivencia e de tránsito seguro para os veciños e demais usuarios entre o ximnasio municipal, os servizos de conciliación como o plan madruga e a escola de ocio, o comedor escolar e o CPI Becerra Malvar, todos eles concentrados nun radio de poucos metros.
O alcalde de Ribadumia, David Castro, comprobou o venres sobre o terreo o inicio das obras, subliñando que o proxecto en marcha proporcionará melloras para a comunidade educativa, para a comunidade deportiva e para a veciñanza do municipio, que gañarán unha nova zona de ocio e de lecer. Na mesma liña, o rexedor puxo a intervención como exemplo, di, da xestión do goberno local que encabeza para avanzar nun concello máis accesible, máis funcional e pensado para o desfrute dos seus cidadáns.