O Umia estréase coma líder da Primeira Nacional coa súa goleada de escándalo: 9-0

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

Cedida

O equipo de Jito cébase cun Villestro que vén de ascender. Alfonso Chantrero releva a Paco Torres na presidencia do club 

09 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Mellor, imposible. O Umia C.F. abriu o pasado sábado a Liga de Primeira Nacional cunha goleada de escándalo, 9-0 sobre un Villestro que vén de ascender. Un marcador que lle valeu ao conxunto que dirixe Jito Quintana converterse no primeiro líder do Grupo 1 -de 7- da que é a categoría de bronce do fútbol feminino español.

Cun 5-0 se foi o Umia C.F. ao descanso. Coa súa muller-gol, Eva López, anotando catro goles nos primeiros 38 minutos do encontro, incluído un de penalti, substituída no descanso por Noa polas molestias nun dedo. Nati, que marcara o 2-0 no minuto 14, subiu tamén o 6-0 no 54, completando a nómina de goleadoras locais na Bouza de Barrantes Noa (minuto 61), Antía (78) e Tania Esperón (81). O cadro vermello visitará este domingo ás 12 a un Mos que na primeira xornada caía 1-0 co Victoria C.F.

Novo presidente do club

Dous días despois da festa na Bouza, medio cento de socios do Umia C.F. acudiron á segunda asemblea extraordinaria en menos de dúas semanas para a elección de novo presidente, tras dimitir Paco Torres pola incompatibilidade do cargo e as súas obrigas laborais. Logo de renunciar finalmente Iago Costa Vázquez a acabar de dar un paso para o que dicía estar disposto na xuntanza de socios do 26 de agosto, foi o veterán Alfonso Chantrero, directivo na última etapa de Piris á fronte do club, o que decidiu optar á presidencia. Sen máis candidatos, Alfonso Chantrero foi elixido novo mandatario do Umia C.F. por consenso da asemblea.