Hernando Martínez: «Os cruceiros non lle importan practicamente a ninguén»

eva fuentes / B. c. RIBADUMIA

RIBADUMIA

Martina Miser

O historiador presenta un libro no que se compendia este patrimonio de Ribadumia

22 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O municipio de Ribadumia conta cunha patrimonio moi importante en canto a cruceiros se refire, ubicados en terreos públicos e visitables. Algúns deles presentan características que os fan case únicos. Isto foi o que motivou á concelleira de Cultura, Mar Rey, a propoñer a elaboración dun libro sobre estes monumentos que se erguen no concello. Tras meses de traballo, onte presentouse no Concello o libro Cruceiros de Ribadumia, unha obra colectiva na que o historiador local Hernándo Martínez Chantada, que se ocupou da súa redacción.

-É abundante o número de cruceiros que hai en Ribadumia?

-Hai corenta e tantos neste concello, é unha cifra bastante elevada. Ademais hai cruceiros bastante especiais, por exemplo hai un na parroquia de Ribadumia no que está o descendemento de Xesús, hai moi poucos cruceiros que o teña, que eu saiba hai tres máis en Galicia: o de Hío, o de San Bartolomé (Pontevedra) e en Noia. Despois hai outro moi singular que non ten crucifixo e ten a representación do Sacramento, está en Besomaño. O que está ao lado do Concello, é moi moderno e supón o monumento máis importante que hai en Ribadumia. É especial porque ningún concello ten como símbolo un cruceiro e Ribadumia teno; nel represéntase o escudo de Galicia, o de Pontevedra, o de Ribadumia. É o símbolo deste concello.

-Cal é a súa valoración persoal sobre a conservación deste patrimonio?

-Estamos nunha situación moi crítica. Hai cincuenta anos valorábanse máis do que se valoran agora, os cruceiros, practicamente, non lle importan a ninguén, entón están en proceso de converterse en obxectos decorativos de xardín, xa os meten dentro das casas. Perdeuse o significado simbolóxico destes monumentos que eran de orixe relixioso, pero facían unha función social tamén. Agora xa non cumpren esa función e a xente non os ten en conta. É como os hórreos que se empregaban para gardar o millo e a colleita, eran moi singulares, pero tiñan unha función; agora, como xa non a teñen, agora moita xente levanta un hórreo no xardín. O cruceiro vai camiño diso, perdeu o significado relixioso e sociolóxico, sendo simplemente un ente decorativo. O que si están é ben conservados e incluso o Concello renovou moitos que estaban estragados. Hai un cruceiro que estorbaba nun vial e cambiouse de sitio. Puxérono no medio dunha rotonda a dirixir o tráfico, convertérono nun membro de protección civil.

- A xente coñece a historia deste patrimonio?

-A xente de máis sesenta anos si, pero á xente nova isto non lle di nada. Son monumentos que forman parte do patrimonio e que hai que conservar, pero tamén explicarlle á xente o significado que tiñan para que os valoren.

-O seu libro cumpre con esa función?

-Si, o que intenta é dalos a coñecer e explicalos para que a xente aprenda a velos e a valoralos. Primeiro hai que ensinarllos e darlles valor para que a mocidade entenda que os hai que conservar.

-Como foi o proceso de elaboración do libro?

-Recompilar toda a información levou dous anos ou incluso algo máis. O libro foi editado polo Concello de Ribadumia, eu fun un dos seus escritores. Son o autor do texto e ocupeime da investigación histórica; despois un fotógrafo do concello xa xubilado fixo as fotografías, unha muller de Sanxenxo fixo os debuxos e despois un topógrafo foi o que se encargou das localizacións deles mediante as coordenadas UTM. É unha obra colectiva, Cada santo ten que levar o seu. Foi un traballo gratificante e intentei facelo o mellor que puiden, pensando nas novas xeracións, para que empecen a valorar o patrimonio e así o sigan transmitindo como nós fixemos.