«Non tropecei con nada na vida máis bonito que plantar unha leituga»

leticia castro O GROVE / LA VOZ

O GROVE

Leticia Castro

A grovense Adelina Padín sorte de produto aos mellores cociñeiros

16 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A Horta de Adelina ten algo especial, algo que non se pode explicar, que hai que vivilo alí pisando esa terra na que habitan milleiros de seres vivos. É fácil distraerse ollando as tomateiras, vendo crecer as framboesas ou palpando a col lombarda, namentres as galiñas percorren por entre os bancais. Pero a pesares de toda esa beleza, quen te deixa atónita é a propia Adelina Padín, a muller tras a horta máis coñecida de Galicia, unha fonte inmensa de sabedoría.

Os produtos que alí se cultivan teñen un sabor que hoxe en día é difícil de topar, e é lóxico, pois tras eses resultados agóchanse anos observando o comportamento das plantas día e noite, vendo que insectos se pousan nelas, e sobre todo coidando a terra sen intervir nela. O segredo de todo isto non é outro que a curiosidade, a que tivo dende ben pequena Adelina cando o seu entretemento era «observar toda a bichería», conta. A paixón desta grovense era ir ao monte, coller arañas e metelas nun bote para observalas, ver que comían as formigas, e xa daquela entráballe a curiosidade por ver que insectos se pousaban nas plantas: «Pasábame horas ollando aquilo e cos anos foi a máis».

Comezou Adelina Padín a distinguir os cantos dos paxaros, en definitiva, unha vida moi silvestre.: «Con dicirche que ía a monte a levantar tocóns de madeira para observalos, e logo levábaos para a casa e metíaos nunha lata daquelas de marmelo», comenta. Logo xa ía cunha libreta, facía anotacións e debuxaba os insectos.

Non puido ir á Universidade, cousa que lle houbese encantado, pero sempre se preguntou Adelina o por qué de todo; aínda o fai hoxe. A vida levouna a traballar nunha fábrica de conservas e logo a rexentar unha cristalería. Pero resulta que é unha ávida lectora, xa un se dá conta ao escoitala. Tras Charles Darwin e Gerald Durrell , viñeron moitos, moitísimos libros. Pode falarche do cultivo no Neolítico «precisamente o que eu practico», dinos, e citarche o nome científico e en latín de calquera especie que ten plantada. É unha excelente divulgadora.

Xeóloga, muller do tempo...

Foi un accidente a que a fixo mudar de vida e levala a facer o que sempre quixo: estar vinte e catro horas vendo como se comportaban os vexetais ou descubrir como inflúe neles a lúa, alimentalos cos desfeitos naturais, leite ou café. E con tanta historia «ao final acabas sendo un pouco xeóloga, un pouco muller do tempo… e cando te das conta estás tan embebida que pensas en verde», explica.

Para Adelina, ver o resultado de toda esa dedicación exclusiva é o mellor que hai na vida, e ese cariño tradúcese no sabor das froitas e hortalizas desa marabilla de terra que ten no Grove.

Sabendo todo isto, non é de estrañar que chegasen ata ela cociñeiros do nivel e da sona de Javi Olleros ou Pepe Solla, ou que abasteza a Lorena Moldes ou a Álvaro Fuentes. Cousas da vida, foi nun Mercado en Vigo onde se deu a coñecer cos seus produtos, e xa se sabe que cando algo é bo, pronto se sabe.