Andrea Oubiña conquista con Orio a súa sétima Euskotren Liga

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

O GROVE

Aitor Arrizabalaga / Euskotren Liga

A grovense reinicia a conta detida no 2018 tras cambiar de bancada este ano

23 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Heptacampioa da Euskotren Liga. Andrea Oubiña Rodríguez (O Grove, 10 de novembro de 1990) vén de escribir un novo capítulo de ouro na súa extraordinaria carreira deportiva. Con só 31 anos, a remeira meca sumou o seu sétimo título na competición que, desde o ano 2009, premia a regularidade semanal das traiñeiras da elite do banco fixo feminino. Un título que Oubiña conquistou con tres bancadas diferentes, enrolada desta volta na tripulación de Orio Orialki, logo de ter gañado as edicións da Euskotren Liga con Galicia, no 2009 e no 2010, e con Koxtape (San Juan), encadeando as coroas entre o 2015 e o 2018. Un de cada dous trofeos de campión da Liga disputados ata hoxe levan o nome da arousá.

Andrea Oubiña retoma o seu idilio coa Euskotren Liga tras o parón que se abría coa súa decisión, no 2019, de tomarse unha temporada sabática logo de 17 anos ininterrompidos pegada a un remo. Con 29 anos e nove triunfos na Bandera de La Concha lucindo á par dos seis da Euskotren Liga, a grovense retornou á elite na bancada de Kaiarriba (Donostiarra). A pandemia endureceu a súa temporada de readaptación á elite. Segundos na pelexa polos dous grandes títulos, Oubiña despediu o ano 1 do covid-19 campioa de España de bateis.

Na súa segunda campaña en Donostiarra sumou o cetro nacional de traiñeiriñas, pero o equipo non pasou do terceiro posto na Euskotren Liga, convertida nun duelo entre Donostia Arraun Lagunak e Orio, decantado en favor da primeira tripulación nun empate final a 39 puntos.

Este ano Andrea Oubiña apostou por un cambio de aires. Fiel ao seu espírito competitivo e sendo unha das remeiras máis respectadas e cobizadas no banco fixo español, a arousá incorporouse ás filas dun Orio Orialki en reconstrución, coas baixas de nove efectivos e a do técnico Xanti Zabaleta. Baixo a dirección de Patxi Francés, e coa grovense encabezando unha listaxe de reforzos nos que tamén figuraba a redondelá Noa Viaño, a embarcación guipuscoana, na que repetía a canguesa María Victoria Piñeiro, fíxose co seu terceiro título en catro anos na Euskotren Liga. Selado ademais cunha semana de antelación, logo de impoñerse en Castro Urdiales o día 14 e tras ceder tan só dous triunfos en todo o verán.

Logo de alternar titularidades e suplencias a partes iguais, Andrea Oubiña terá, os dous primeiros domingos de setembro, a oportunidade de volver ensanchar o seu inigualable palmarés pelexando a que sería a súa décima coroa na Concha.