De Daniel Ameixeiro, in memoriam

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O GROVE / LA VOZ

O GROVE

O escritor e enxeñeiro grovense José Daniel Álvarez escribiu a súa obra co pseudónimo Daniel Ameixeiro
O escritor e enxeñeiro grovense José Daniel Álvarez escribiu a súa obra co pseudónimo Daniel Ameixeiro ALEJANDRO RODRIGUEZ

Xa no colexio destacaba por unha intensa intelixencia que non deixaba de causar admiración sen envexas

07 jun 2021 . Actualizado a las 22:00 h.

José Daniel Álvarez Iglesias (O Grove, 1962-Madrid, 2021) decidiu utilizar para a súa actividade literaria o pseudónimo Daniel Ameixeiro. Obviamente foi unha escolla meditada, de reivindicación da súa raizame, de autenticidade, cun apelativo que fai referencia, en primeiro lugar, aos Ameixeiros, a familia paterna e, por máis, resulta foneticamente identificador do seu orgullo de galego. Coñecino no colexio, onde destacaba por unha intensa intelixencia que non deixaba de causar admiración entre os compañeiros; pero aquela brillantez non provocaba envexas grazas ao seu talante humilde, empático e tímido. Perdín, despois, contacto con el mentres se licenciou en Enxeñaría de Telecomunicacións no primeiro lustro dos anos 80 para, deseguido, desempeñar unha brillante carreira técnica.

Xa na escola, aínda sendo de ciencias puras, gañara diversos concursos literarios e, asentado en Madrid, nunca deixou de estudar o idioma galego, converténdose dende alí nun sobranceiro autor coas seguintes obras que cito cronoloxicamente: Bonifacio foi a palacio (1999, Edelvives), Xan e Pericán (2004, Xerais, finalista do premio Merlín), A tenda de antigüidades (2004, Rodeira, traducida ao castelán), Piratas, bruxas e outros amigos (2007, Galaxia), O caderno vermello (2009, Tambre-Edelvives), Ramón Piñeiro. Os días ocultos (2009, Xerais), A torre das Lavercas (2012, Xerais). Non sendo Ramón Piñeiro. Os días ocultos, tódalas demais foron dirixidas a un público infantil ou xuvenil.

Coincidindo co Día das Letras Galegas do 2009 dou ó prelo un relato novelado ó redor das ideas do homenaxeado nese ano, Ramón Piñeiro, e do poeta Víctor Campio, a quen coñecía persoalmente. A tremenda complexidade intelectual e social de Piñeiro, do piñeirismo, co resto das figuras do galeguismo realzadas pola aura do exilio fronte ás dificultades e incomprensións de manter a chama do galego e do galeguismo no exilio interior, provocaban que novelar as inquedanzas, os porqués de Ramón Piñeiro fose un atrevemento grandioso, unha tarefa colosal, titánica, ao alcance de moi poucos. Luís Pousa en La Voz dixo que «unha das propostas máis orixinais deste 17 de maio é a edición da novela de Ameixeiro na que, subliñan desde Xerais, o autor homenaxeado volve á posguerra para ir percorrendo, a través das súas palabras, un momento crucial da nosa historia». Ramón Loureiro, no suplemento Culturas, tamén de La Voz, deixou escrito que é «un libro excelentemente escrito no que, cunha prosa verdadeiramente ambiciosa, o autor vén demostrar a veracidade do aserto de que a ficción é un dos mellores camiños para viaxar, a través do tempo, á cerna da verdade. Profundo coñecedor da historia do galeguismo -e da historia de Galicia, en xeral-, Ameixeiro, que reside en Madrid, faino cunha voz extraordinariamente sólida, que ben pouco ten que ver co que hoxe prima nunha literatura ben distinta: na que non ten outro obxectivo que axudar a pasar o tempo, como se o tempo non correse xa, por si mesmo, o suficiente».

Esta novela foi presentada na galería Lembranza do Grove, propiedade de irmáns do autor, a véspera do Día das Letras Galegas. Daniel, nos derradeiros días da súa vida, ultimaba a volta ao Grove, onde quería asentarse definitivamente, para seguir escribindo e acaso rematar unha recolleita fraseolóxica que levaba anos recompilando. Non poderá ser. Iso si: as súas portentosas intelixencia, sabedoría, bonhomía e humildade non quedaron en Madrid, senón atesouradas e vivas eternamente nas súas obras; o corazón cos seus e a memoria persoal no se Grove. Unha vila que, sen dúbida, saberá lembrar a un dos fillos máis senlleiros.