De chapuzas e chafalladas

X.A. Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

O GROVE

MONICA IRAGO

O autor reflexiona sobre a pandemia e as repercusións que está a ter en ámbitos como a Xustiza

02 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

No título desta columna tamén podía utilizar chambonada, trapallada e algún sinónimo máis. Cóntolles: o mes de agosto é inhábil para a Administración da Xustiza. Establéceo a Lei Orgánica do Poder Xudicial: «serán inhábiles os días do mes de agosto para todas as actuación xudiciais, excepto as que se declaren urxentes polas leis procesuais». Sendo así chegou a peste e o Goberno foi quen de paralizar a actividade dos tribunais. Era o que lle faltaba á Administración da Xustiza. A ninguén se lle ocorreu pórlle efectivamente medios para que funcionase durante o estado de alarma; tampouco agora que rematou. En vez diso, o Goberno pensou que a solución para axilizar tramitacións era traballar vinte días neste agosto. Luminoso. Empezou a chafallada co artigo 1.1 do Real Decreto lei 16/2020 que declarou hábiles do 11 a 31 de agosto do 2020 e, ademais, cunha finísima técnica xurídica, decidiu que tódalas actuacións xudiciais serían urxentes; así, a vulto. E no artigo 1.2 mandou ao Consello Xeral do Poder Xudicial, á Fiscalía, ao Ministerio de Xustiza e ás Comunidades Autónomas que ditasen medidas para a distribución das vacacións de xuíces, maxistrados, fiscais, letrados e funcionarios en xeral. O CXPX, que parecía guiadiño, dinamitou esa norma recomendando como medidas para o mes de agosto de 2020 limitar as vistas orais, comunicar ás partes en litixio as datas de celebración antes do 15 de xuño, reducir ao mínimo as notificacións que haxa que atender entre o 11 e o 31 de agosto e, por se fora pouco, concentrar en agosto as vacacións de xuíces e maxistrados. Vaites, vaites. Mais a chambonada continuou ata o éxtase. O Real Decreto lei 16/2020 tramitouse no Congreso como proxecto de lei, remitíndoo á Comisión de Xustiza con competencia lexislativa plena. Alí aprobáronse emendas, entre outras a derrogación do propio Real Decreto lei para que quedase, de novo, o mes de agosto inhábil.

Todos contentos e o ministro, eufórico e acelerado, dixo ampulosamente: «Foi unha votación histórica que reforza e impulsa a política que debuxamos en Xustiza 2030 e amosa con claridade que os diferentes grupos políticos podemos entendernos no obxectivo común de modernizar a Xustiza para servir mellor aos cidadáns». Quedou satisfeito o home. Como saben, vostede e eles, un proxecto de lei ten que ser votado tamén no Senado para converterse en lei e entrar en vigor. E aí chega o clímax desta trapallada: a Cámara Alta vai debater este proxecto de lei… En setembro!. Así que, hoxe por hoxe, sigue en vigor que do 11 ao 31 de agosto son días hábiles. Claro que o Goberno aínda poderá remedialo. Ata sería benvida unha nova chapuza; e a ver que se fai cos xuízos xa sinalados nesas datas.