Como se recordaba nas festas do Entroido grovenses, as falas do Grove son unha riqueza. En 1971, María do Carmo Henríquez Salido obtivo na tese doutoral un sobresaínte cum laude e tres anos despois a revista Verba da Universidade de Santiago editouna como addenda co título Léxico do Grove. Por certo, nese número o profesor alemán Joseph-Maria Piel contribuíu cun traballo por ver si existira relación entre O Grove e a tribo dos grovios. A tese da profesora Henríquez contén un estudo sobre as falas de San Martiño e San Vicente dos Groves, poñendo de manifesto as peculiaridades e recollendo o léxico e a pronuncia dispar nesas dúas parroquias. Esta investigación, é obvio, levouse a cabo cos coñecementos e técnica lingüísticos do galego nesa época. O Grove, con vinte e un quilómetros cadrados, é un municipio pequeno, mais ten a fortuna de dúas parroquias a expresárense nun galego diferente: gheada nas dúas, pero con entoación e seseo distintos. Non resulta estraño que esta singularidade atraese á doutoranda. En San Vicente hai seseo parcial: a final de palabra, como crus e nalgunhas sílabas intermedias, como tasa; no Grove, total sempre. En San Vicente ata se mantivo a pronuncia Arouza, quizá por hipercorrección ou, segundo o profesor Pensado Tomé, por sela dicción mais antiga. Tanto nunha parroquia coma na outra, existen expresións locais propias. A mais famosa é o despectivo bichicoma, en San Vicente dise pichicoma, que debeu de introducirse despois de 1971, porque non o recolleu a profesora Henríquez. Este insulto é a transformación fonética do inglés beachcomber, que vén ser, máis ou menos, raqueiro; aínda que a adaptación bichicoma úsase co significado aproximado de petulante. Hai mais expresións produto da emigración; por poñer, da Arxentina chegou a ghatitas co significado de apenas, que, sen dúbida, pode dar lugar a malos entendidos nunha tradución literal. Outra característica común é a permanente renovación de modismos. O profesor Xan González Millán (1951-2002), lingüista grovense que desenvolveu a súa carreira na universidade de Nova York, era amante da fertilidade creativa do Grove en ditos retranqueiros. Contoume Gonzalo García Besada que nas visitas á súa casa neoiorquina, o primeiro que Xan pedía era una relación das frases feitas que estaban a circular e… sempre había novidades! Dunha volta, o sogro deste profesor, en pleno Manhattan, ante unha pequena torpeza dunha filla espetoulle: «Es coma o Dios da Arousa», locución que se emprega para faltarlle a alguén por desastrado. Este Dios será por unha divindade particular da Illa de Arousa ou por algún desleixado de alí apelidado Dios. A saber.