Ao longo do día terán lugar probas para todo tipo de públicos
15 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Un ano máis, volve unha das feiras máis sinalas do ano na zona do Salnés, a Feira Anual do Cabalo do Mosteiro, en Meis. Hoxe terá lugar un evento que enxalza e pon en valor tanto ao cabalo, como aos xinetes: «Esta é unha feira para tódolos públicos: dende os amantes da morfoloxía, ata os que queren ver as xincanas. Incluso os máis pequenos teñen o seu protagonismo coa carreira de ponis», explicaba Santiago Abal, organizador do evento.
As portas do recinto onde se realiza a feira, no mercado gandeiro, abren ás oito e media da mañá, pero será ás 10.00 horas cando se escoiten os primeiros rinchos na terceira edición do paseo cabalar. Para participar no conxunto de actividades os interesados poderán inscribirse o propio día.
Premios e diversión
No total de premios repártense máis de 3.000 euros, que poderán ser gañados a partir das dez e media da mañá, cando dea comezo o concurso morfolóxico. Ás 12.00 horas terá lugar a proba de andadura federada, un evento que a organización pretende que achegue a Meis persoas de toda Galicia.
Este ano tamén se celebrará a comida popular ás 14.00 horas e máis tarde será o momento no que o futuro da Feira Anual de Cabalos sexa o protagonista grazas á carreira de ponis, na que só poden participar nenos de ata 12 anos. Por último celebraranse dúas competicións, a de xincana, na que o gañador será galardoado con 50 euros e un trofeo e a proba de trote non federada. Dende a organización recórdase que a maiores das medidas de seguridade que eles toman é obrigatorio o uso do casco en todas as probas e cada xinete é responsable do seu propio cabalo. O ano pasado participaron ata 800 persoas no conxunto de probas e este ano espérase que a participación sexa maior nunha Feira Anual do Cabalo que neste 2025 suma máis renome.