Zafarrancho de limpeza co gallo do Proxecto Ríos

B. C. VILAGARCÍA

MEIS

MARTINA MISER

Os voluntarios traballarán este domingo en Ribadumia, Catoira e Valga e a próxima semana farano alumnos de Meis e O Grove

24 sep 2021 . Actualizado a las 15:12 h.

Baixo o lema «Móllate polos ríos», convocouse para este domingo unha xornada de limpeza das concas fluviais en toda Galicia á que Arousa non é alleo. O Colectivo Ecoloxista do Salnés volverá a Pontearnelas (Ribadumia) para retirar lixo e controlar a calidade das augas do Umia e os ecoloxistas de Catoira e a ANPA As Lombas farán o propio en Fonte Gaiteira. Para ese día tamén está prevista unha limpeza no muíño didáctico de Campaña (Valga).

Os centros educativos tamén son habituais colaboradores do Proxecto Ríos e tampouco faltarán a esta cita, aínda que en días diferentes. No colexio de Mosteiro (Meis) tiñan previsto saír onte, pero aprazaron a actividade para o venres día 30, mentres que no instituto das Bizocas farano o vindeiro luns.

O Proxecto Ríos é un programa de educación e voluntariado ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.