Derradeira chamada do Asmubal para non ter que sacrificar o nome de Meaño

O club reitera a súa petición de axuda ao Concello tras, denuncia, meses de silencio


A directiva do Asmubal Meaño saíu onte á palestra na que ben puidera ser a súa primeira rolda de prensa nas oito tempadas nas que o seu núcleo duro leva á fronte do club. O motivo, facer un derradeiro chamamento público ao goberno municipal que dirixe Carlos Vieites para que o Concello respalde un proxecto deportivo que leva o nome do municipio por cinco comunidades autónomas na súa participación na División Honor Plata Femenina, a segunda categoría do balonmán español. Unha petición que a directiva que preside Silvia Lobato leva reiterando sen éxito, polos cauces oficiais e a través dos medios de comunicación, desde que o pasado verán o Asmubal aceptara a praza que a Real Federación Española de Balonmano lle ofrecera na mencionada categoría, na que xa se estreara, de maneira efémera, catro anos atrás.

Nun coñecido hotel da localidade, acompañada de parte do seu equipo directivo e de varias xogadoras do conxunto sénior feminino, Silvia Lobato puxo sobre a mesa os diferentes argumentos que leva esgrimindo nos últimos meses ante Carlos Vieites. Recordou así como cando colleron o club se atoparon con tan só tres equipos, un sénior masculino, un alevín e un infantil, e 36 licenzas, cando esta tempada son 11 conxuntos, 113 xogadores e 15 técnicos na estrutura do Asmubal. Un diferencial que contrasta co crecemento das axudas económicas do Concello, pasando de 6.000 a 6.500 euros a partida destinada á súa canteira e de entre 1.500 e 1.800 da tempada 2012/13 para o primeiro equipo, con Jorge Domínguez na alcaldía, aos 3.250 do presente, co Asmubal xestionado dous cadros séniores, feminino e masculino. Cantidade esta última, ademais, igual, clamou Silvia Lobato, «á que reciben moitas outras asociacións do municipio con orzamentos moi inferiores ao noso».

Sen noticias desde setembro

Lobato quéixase de que «se falou co alcalde varias veces, pediunos un informe para un posible convenio de patrocinio e presentámolo por rexistro. Iso foi en setembro. A partir de aí, silencio total». Un convenio que buscaría seguir o modelo do xa asinado entre club e Concello no 2017 na primeira experiencia do primeiro equipo feminino en Prata e que lle proporcionara daquela 5.000 euros extra ao Asmubal.

Co conxunto feminino con serias opcións de conservar a categoría e co primeiro equipo masculino en posición de poder pelexar polo salto á Primera Nacional, a división de bronce, a presidenta do Asmubal sostén que «sen o apoio do Concello é absolutamente inviable manter os dous equipos». Así as cousas, engade, «sería moi doloroso renunciar a unha das prazas -de darse a mellor situación final dos dous equipos- ou ter que cambiar de Concello» algún dos cadros séniores, quizais, sinala, cun acordo de filialidade cun club de superior categoría que incorporase o seu nome en detrimento do de Meaño.

A cambio do convenio económico pedido, desde o Asmubal reiteran o seu ofrecemento a empregar o equipo de Prata como embaixador da localidade na forma na que o estime o Concello por todas cantas prazas xoga, con cidades coma Valladolid, Palencia, León ou municipios das Canarias no seu calendario. «O único que lle pedimos ao Concello», remata Lobato, «é que nos conteste se imos ter o seu apoio ou non».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Derradeira chamada do Asmubal para non ter que sacrificar o nome de Meaño