O Asmubal advirte de que podería ter que xogar de local fóra de Meaño

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Cedida

A entidade esíxelle ao executivo local de Viéitez que resolva a condensación do Novo Coirón

29 mar 2021 . Actualizado a las 21:43 h.

A comarca do Salnés tan só dispón de dous equipos na categoría de prata nacional das súas respectivas modalidades deportivas. Os dous, femininos. E os dous sufrindo a incapacidade manifesta dos gobernos locais de cadanseu municipio para resolver os graves problemas de condensación que padecen os pavillóns municipais nos que se adestran e disputan os seus partidos.

Cabe preguntarse que resulta menos edificante. Que un Concello como o de Vilagarcía, novena poboación de Galicia, non sexa quen de resolver as graves deficiencias das instalacións de Fontecarmoa desde a súa construción hai décadas. Ou que un Concello como o de Meaño se amose incapaz de liquidar a tara dun recinto deportivo con apenas tres lustros de uso e no que, denuncian desde o seu principal club usuario, o Asmubal, se terían investido máis de 80.000 euros extra en dúas solucións técnicas diferentes.

Na tarde do pasado sábado o duelo entre o Asmubal Meaño e a S.A.R. de Redondela da Liga de División de Honra Prata Feminina de balonmán tivo que ser suspendido cando tan só se levaban 6 minutos de xogo consumidos e o marcador sinalaba un 2-2. A causa, a humidade no parqué, que poñía en risco a integridade física das xogadoras e dos árbitros. Á mañá seguinte o club padeceu unha segunda suspensión, a do Asmubal-Culleredo de Primeira Autonómica Masculina, pola mesma razón.

Silvia Lobato, presidenta do club meañés, acusa o Concello de non resolver o problema: «O pavillón sempre tivo condensación desde que se abriu. A base de facer presión conseguimos que no 2017 se instalasen uns ventiladores laterais, pero non funcionaron. No 2018 instalouse un sistema de calefacción, pero dos oito queimadores que leva, tres nunca funcionaron ben». Un problema este último do que o Asmubal tería informado recorrentemente á Alcaldía e que hai un ano xa levara á suspensión doutro encontro, o da primeira xornada da Primeira Autonómica Feminina, ademais de varios adestramentos.

Consciente de que pode recibir cadansúa sancións da Federación Española e Galega de balonmán, ademais de ter que correr con todos os gastos derivados da repetición dos dous partidos suspendidos; o Asmubal presentou onte un escrito no Concello reclamando a solución urxente dos problemas de humidade de Coirón. E é que, sinala a súa presidenta, «se o sábado -pasado- non xogamos coa S.A.R. senón co Tenerife, teriamos que facer fronte a 6.000 euros de gastos de desprazamento e o club estaría en quebra».

Así as cousas, a presidenta do Asmubal lánzalle unha advertencia ao goberno local de Carlos Viéitez: «Se o Concello de Meaño non aposta por este club, teriamos que atopar unha instalación axeitada que nos facilitase outro concello».

Aposta por suspender a Liga unhas semanas

Ao primeiro equipo feminino do Asmubal tócalle desprazarse este sábado a Valladolid na sétima xornada de Liga, pero a súa presidenta confía en que non teña que facelo. Lobato sostén que «a lóxica di que habería que parar a nosa Liga», calcula, «unhas tres semanas» pola situación epidemiolóxica.