«Quero manter un concello tranquilo»

s. gonzález, a. garrido

MEAÑO

Lourdes, que se define coma unha persoa tranquila, ten coma afeccións ler e pasear.
Lourdes, que se define coma unha persoa tranquila, ten coma afeccións ler e pasear. mónica ferreirós< / span>

Acompañou a Jorge Domínguez no seu tránsito ao PP; agora, por primeira vez, lidera a lista

15 may 2015 . Actualizado a las 12:29 h.

Por motivos de sobra coñecidos, non foi este un mandato normal no Concello de Meaño. Non por agardado, o pasamento de Jorge Domínguez deixou de marcar unha fonda impronta no funcionamento municipal. Lourdes Ucha (Meaño, 1969) foi quen recolleu a súa testemuña na alcaldía. Súa é agora a responsabilidade de liderar a lista do PP, que encabeza por vez primeira.

-O seu segundo apelido é Varela.

-É, si.

-Coma o candidato do Partido Socialista en Vilagarcía.

-Pero da familia non somos.

-¿Dende cando é concelleira?

-Dende 1995, sempre con Jorge, daquela coma independentes.

-¿Entende entón que xurda agora outra lista independente?

-Ben, non son eu quen debe respostar a iso. É certo que formei parte dunha candidatura independente durante dous mandatos. E creo que case era de esperar esta lista, porque en todos os concellos limítrofes están aparecendo novas candidaturas. En Meaño somos cinco, nunca tantas houbera, pero para todo hai unha primeira vez.

-¿É complicado substituír a un home como Jorge Domínguez?

-Foi complicado porque, aínda que no 2011 sabiamos que antes ou despois teriamos que enfrontarnos a unha situación así, non deixa de golpearte cando chega. Foi unha persoa moi importante, pero temos que pensar que xa non vai estar. Temos que ter a nosa propia forma de facer as cousas e seguir traballando.

-Hai catro anos comentounos que nin quería placas, nin rúas dedicadas, nin nada diso.

-E cumprimos a súa vontade. Respectamos o que quería, era a súa forma de ser, que eu comparto, ademais. Fíxoselle o mínimo posible dentro do que consideramos que había que facer para un alcalde que gobernou durante vinte anos. E sempre en consenso coa súa familia.

-Quitando os furanchos, Meaño dá a impresión dun lugar tranquilo, no que nunca pasa nada.

-Se tivese que caracterizar aos meus veciños eu diría que, efectivamente, son sobre todo xente tranquila. Interesada por conseguir cousas e servizos, pero tranquilos e moi respectuosos.

-Un desexo para o seguinte mandato, de resultar elixida.

-Quero manter a sensibilidade de ser un concello tranquilo, no que todo o mundo se fala entre si, no que todo o mundo se poida entender aínda sendo de signos contrarios.

-¿Iso vai tamén pola oposición? ¿Mantense ese clima de respecto do que tamén falaba o seu predecesor na alcaldía?

-Tamén, tamén. Claro que hai diferenzas, pero creo que ese clima si se mantivo ao longo destes anos. Atreveríame a dicir que, aínda defendendo posicións moi distintas, a relación co resto de forzas foi moi boa.

-Meaño de sempre mirou moito a Sanxenxo. ¿Que lle parecería unha fusión entre concellos?

-Cada concello ten a súa identidade. Non sería fácil esa fusión. É moito máis doado unificar servizos con concellos limítrofes que reduzan custes e melloren a súa calidade. Os veciños están identificados cos seus concellos e sería un lastre. Outra cousa é esa política de colaboración, dentro da mancomunidade, por exemplo, que nos levou a facer obras de saneamento con Ribadumia ou participar con outros oito concellos nun proxecto de aforro enerxético co Inelga.

-¿A que dedica Lourdes Ucha o tempo libre?

-Entre os meus hobbies, se é posible, está o camiñar. Tamén a lectura, aínda que é certo que dende a alcaldía acabas lendo máis informes que outra cousa.

-¿Como son os domingos?

-Depende. Un paseo, comer en familia, á tarde saír tomar algo cos amigos. Unha boa película...

Unha escolla en función do día

«A verdade é que teño varios reloxos, o que hoxe levo posto nin sequera é o que máis uso. A min gústanme particularmente os Viceroy. En canto aos zapatos, sendo cómodos, tanto me ten a marca. Depende do momento, do lugar ou do día, podo ir con tacóns ou sen eles».