O esqueleto da rúa Concello de Catoira cobrará vida con 44 pisos á venda

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo CATOIRA / LA VOZ

CATOIRA

A antiga promoción de Indeza levaba 16 anos agardando por quen a rematara en pleno centro de Catoira
A antiga promoción de Indeza levaba 16 anos agardando por quen a rematara en pleno centro de Catoira MONICA IRAGO

Unha nova promotora finalizará a vella obra de Indeza paralizada pola crise do ladrillo con vistas a entregar as primeiras vivendas nun ano

20 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Durante 16 anos, o esqueleto dos catro portais da que ía ser unha das maiores promocións inmobiliarias na historia de Catoira serviu de recordatorio das desfeitas, económicas e paisaxísticas, provocadas pola avaricia que rompeu o saco do bum do ladrillo español no 2008. Tras tres lustros como monumento a aquel despropósito nacional, as 44 vivendas e un baixo comercial iniciados no seu día por Indeza a tan só un cento de metros da casa consistorial da vila vikinga, na rúa do Concello, serán finalizados para a súa posta a venda. Non por Indeza, unha das moitas construtoras varridas polo tsunami daquel crack que ía obrigar a refundar o capitalismo, senón por Inmogalicia Real Estate, a promotora que hai preto dun ano mercou a parcela de 1.772 metros cadrados e a estrutura dos catro portais proxectados a Landco, unha das comercializadoras de bens inmobiliarios do Santander, o banco que acabara quedando coa promoción a medio facer.

Coa licenza para a finalización da obra xa na man, Ramón Pérez, un dos dous socios de Inmogalicia Real Estate, informa de que «estamos na procura de presupostos de construtores que nos dean un prezo razoable» para reiniciar nun par de meses as obras. Finalizada a estrutura e os dous sotos que irán destinados ás prazas de garaxe, unha por vivenda, o plan dos novos promotores do inmoble da rúa Concello de Catoira pasan por empezar co acabado da metade dos catro portais, que «poden estar listos nun ano», e iniciar a comercialización dos seus pisos nos últimos meses deste 2026, sen descartar acometer a finalización dos catro portais simultaneamente se o ritmo das vendas é alto.

A colocación da cuberta e os cerramentos será o primeiro paso, coroado pola instalación dunha «fachada boa de aluminio, para mellorar o illamento e reducir consumos», explica Ramón Pérez. Neste punto, sinala que o plan da súa promotora é repetir o feito na súa primeira obra deste tipo —a empresa ten dous anos de actividade—, logo de insuflarlle vida a outro esqueleto paralizado pola crise do ladrillo en Padrón, de 23 pisos e adquirido a Aliseda, outra comercializadora de bens inmobiliarios participada polo banco Santander.

Tras completar a edificación e despois de equipala con catro ascensores e un transformador eléctrico, Inmogalicia Real Estate ofertará no mercado dous pisos dunha habitación, 21 pisos de dous dormitorios e outros tantos de tres, de entre 50 e 85 metros cadrados. Todos contarán con mamparas nos baños —dous, agás os dunha habitación—, armarios completos, coas súas caixoneras e divisións, cociña totalmente equipada con electrodomésticos de gama media alta, e bomba de calor con triple función: calor, frío e auga quente, enumera o socio da promotora. Pérez subliña o aforro enerxético que, di, xa comproban os compradores do edificio que remataron en Padrón, situado na recta dirección a Pontecesures, no que os veciños «pagan 35 euros no verán e 85 no inverno pola electricidade» que, comenta, alimenta todas as necesidades de enerxía das vivendas. Garaxe e trasteiro completan o pack á venda.

A falta de pechar presuposto coa construtora que execute os traballos e de afinar o prezo final resultante da operación, nestes momentos a promotora dos futuros novos catro números da rúa Concello de Catoira baralla prezos de entre 150.000 e 200.000 euros (máis IVE), para os seus pisos. Metidos de cheo nunha urbanización en Roxos, no municipio de Santiago de Compostela, os socios de Inmogalicia Real Estate «estivemos parados un tempo en Catoira porque nos dicían que había que vender moi barato. Pero agora os prezos subiron tanto en Vilagarcía e Santiago» que estimaron factible poñer agora a promoción a andar, declara o seu socio Ramón Pérez.