O éxito dunha promoción inmobiliaria cociñada a lume lento en Cambados: «Vou ter que quitar o cartel, todos os días chama xente, e non teño nada que vender»
AROUSA
A Cabana comezou en obras no 2008 e está a seis meses de ver rematado o seu quinto e derradeiro portal
20 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A lume lento. Así se cociñou a conclusión da Cabana, a promoción de 55 vivendas que Promotora Inmobiliaria Rualede de Vilagarcía de Arousa está a piques de completar 18 anos despois de colocar a súa primeira pedra nunha das entradas á veciña Cambados. Luis Rúa, un dos seus dous socios, conta que «o edificio o comezamos no 2008», ano recordado polo estalido da burbulla inmobiliaria en España. Sobre a mesa, un proxecto de 55 vivendas divididas en cinco portais con entrada desde catro rúas diferentes da vila do albariño.
«Vimos que non se vendía, e non nos apuramos», conta Rúa. «Non paramos nunca de todo a construción», pero o que ía ser cuestión de poucos anos estirouse ata case dúas décadas. O primeiro bloque finalizado, de 12 vivendas e con portal no número 5 da avenida de Vilagarcía, leva seis anos con todo vendido. Outros 18 pisos na rúa Pintor Pesqueiras rematáronos hai dous anos e xa non queda nada dispoñible. Os 14 inmobles construídos nos números 1 e 3 da rúa Pintor Laxeiro están rematados e para entregar. E en seis meses, a Promotora Inmobiliaria Rualede conta con concluír as 11 vivendas do portal do número 35 da rúa do Río.
«Xa está todo vendido», pendente tan só de escriturar as operacións correspondentes ao groso dos tres últimos bloques edificados, sinala Rúa. «Temos un cartel anunciando a promoción, pero vou ter que quitalo; todos os días está a chamar xente, e non teño nada que vender», comenta mentres comparte a reflexión xeneralizada da enorme falta de oferta residencial para cubrir a demanda de multitude de cidadáns, en moitos casos familias, necesitados dun inmoble no que poder artellar un proxecto de vida.
Luis Rúa confesa que o inusual proceder e o final feliz da promoción da súa empresa só foi posible porque «non tiñamos hipoteca. Fomos aguantando, e puidémola financiar nós». Foi así como deron posto ao longo dos oito últimos anos 55 vivendas no hermo do mercado inmobiliario cambadés; o último bloque, ventilado en medio ano. Pisos dunha, de dúas e de tres habitacións a prezos de entre 90.000 euros, nas primeiras entregas, ata os 200.000 máis IVE.
E quen os comprou? Pois maiormente, veciños de Cambados, pero tamén de Madrid, de Lugo ou de Ourense. Porque, sinala Rúa, o 40 % foi destinado a segunda vivenda. Arredor dun 10 % do total, engade, pasou a engordar o parque de alugueiro.