A derradeira protesta do ano en Catoira pola falta de médicos no centro de saúde coróase cunha clase de primeiros auxilios
CATOIRA
A Plataforma Centro de Saúde non abandonou no último mércores do 2025 as súas xa habituais reivindicacións
31 dic 2025 . Actualizado a las 17:57 h.A Plataforma Centro de Saúde de Catoira pechou un ano de protestas cun acento moito máis festivo do habitual. Nunha toma de uvas anticipada, gravada e compartida por redes o día 31 de decembro pola mañá, tiveron tempo de agradecer ao Concello de Catoira, aos efectivos de Protección Civil do municipio e mais ao bar Campo Subido polo apoio brindado cada mércores ás súas reivindicacións e por ceder os seus espazos e instalacións. Tamén aos seus seguidores en redes sociais por acompañalos ao pé do canón e compartir as súas reclamas.
Os responsables do Sergas do concello viquingo aproveitaron a ocasión para dar algúns consellos relevantes nesta sinalada data: aconsellaron non beber se un vai conducir, lembraron a importancia de inxerir as uvas con calma e explicaron como actuar se un familiar atragoa e como aplicar técnicas de primeiros auxilios.
O colectivo mantivo durante boa parte do ano protestas debido a situación na que se atopa o centro de saúde de Catoira, no que o persoal amósase insuficiente para tratar aos pacientes co trato que merecen: «Aos responsables do Sergas, desexámoslles moitísima saúde e que atopen unha solución para a falta de médicos e pediatras que non so vivimos na nosa vila, senón nos centros de saúde de toda Galicia». Visto que o panorama non mudou este ano, as reivindicacións continuarán o vindeiro mércores, xa no 2026.