«Un neno vikingo» estréase esta noite e abre ao pé das Torres a Romaría de Catoira
CATOIRA
A peza será posta en escea polos integrantes de Úrsula Teatro
01 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Catoira empeza a vestirse para a vindeira fin de semana, cando un exército de vikingos e vikingas desembarcará ao pé das torres de Oeste para recordar aqueles vellos tempos nos que a súa presenza e o seu nome facían tremer á poboación. Hoxe en día, as tripulacións vikingas seguen emocionando á xente, pero por razóns ben diferentes: son protagonistas dunha Romaría de recoñecemento internacional. Unha celebración que pecha case unha semana de actividades, que arrancan hoxe mesmo coa primeira representación da obra de teatro Un neno vikingo, que correrá por conta da escola municipal Úrsula.
A representación comeza pasadas ás dez da noite no entorno das Torres, un escenario magnífico. Nese emprazamento, poderase presenciar a representación da obra elixida para este ano dende hoxe e ata o vindeiro xoves. Son tres días nos que o protagonismo da festa recae na veciñanza, que protagoniza a representación e que, tamén, nutre as gradas do público. Desta volta, explicaban onte dende o Concello de Catoira, a entrada ao recinto será de balde tanto para residentes na vila como para visitantes.