Pablo Otero e Sabela Castelo coróanse na San Silvestre Solidaria de Cambados
CAMBADOS
O atleta da Illa de Arousa revalidou o seu triunfo do 2024 e os participantes dobraron as doazóns respecto ás do ano anterior
01 ene 2026 . Actualizado a las 20:02 h.Co bo tempo por aliado, Cambados despediu ao grande o 2025, coa praza de Fefiñáns e coas rúas do seu casco histórico ateigadas para animar os máis de 700 corredores da décima edición da San Silvestre Solidaria que organiza a Concellería de Deportes da vila do albariño, coa colaboración do club de atletismo local. Tras as tres carreiras das categorías de menores de 14 anos, a 4K serviu para coroar o illense Pablo Otero, do equipo Terra Adestramento e Saúde, e a atleta do Club Ourense Atletismo Sabela Castelo. O arousán revalidou o seu triunfo do 2024, en 11 minutos e 17 segundos, coa ourensá, sexta na xeral, entrando en 12,41.
Completaron os podios Ismael Viéitez (CD Delikia), segundo en meta en 11,23, e Pablo Ulla (Gimnástica Pontevedra), terceiro en 11,34, e o feminino Zoé Cardín (C.A. Santiago), cun crono de 13,23, e Marina Porteiro (A.T. Cambados), con 13,37 minutos.
No capítulo de premios aos atletas máis divertidos, un rapaz disfrazado do neno da película Up levou o primeiro entre os menores de 14 anos, e un Papá Noel nunha caixa de Amazon o do adultos, facéndose un grupo de nais de atletas do C.A. Cambados co vale en compras no comercio local ao mellor disfrace por grupos lucindo como unha botella e copas de champaña.
Con todo, o mellor da San Silvestre de Cambados foi ver como as doazóns dos atletas se duplicaban respecto ás do 2024, enchendo un camión do Concello de alimentos, produtos de hixiene e xoguetes para familias necesitadas.