Cambados amplía a súa ruta de selfis con dous soportes novos

Sara Dorado CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

O soporte para móbil que enfoca a ponte e a torre de San Sadurniño
O soporte para móbil que enfoca a ponte e a torre de San Sadurniño MONICA IRAGO

Aos de Torre, o paseo e Fefiñáns súmanse un na Pastora e outro no Muíño da Seca

09 dic 2025 . Actualizado a las 22:19 h.

Cambados, máis de postal ca nunca grazas ao reforzo da súa ruta fotográfica. O Concello mercou dous novos soportes para teléfono, que se colocarán antes de final de ano no entorno do monte da Pastora e no Muíño da Seca. O seu custo foi duns 3.000 euros. Con esta compra, que está subvencionada pola Deputación de Pontevedra, a localidade conta xa con cinco soportes bidireccionais e de deseño exclusivo que imitan aos paus de selfis. «Sabemos que a empresa xa os ten listos e estamos á espera de que os entreguen para poder colocalos», explican dende o Concello. Os outros tres están situados en espazos emblemáticos da localidade, como a praza de Fefiñáns, a ponte que da acceso á torre de San Sadurniño e o paseo marítimo.

Os soportes permiten a veciños e visitantes «facer selfis perfectas para compartir nas redes sociais sen necesidade de pedirlle a un terceiro que faga a foto», explicaba a edil responsable, Milagros Martínez . «Hai que ter en conta a importancia dos dispositivos móbiles no ámbito turístico: os selfis son unha excelente ferramenta de márketing», din dende o Concello. Deste xeito, os usuarios compartirán as imaxes nas redes «dando a coñecer Cambados ao mundo e logrando unha campaña de publicidade orgánica e gratuíta».

De feito, dende a concellería de Turismo deixan aberta a posibilidade de seguir ampliando a ruta con novas localizacións nun futuro.

Manexo de macrodatos

Os postes teñen un código QR que dá acceso a información útil para os visitantes en varios idiomas. Ademais, permite xeolocalizalos, aínda que non recolle datos persoais. «A intención é recompilar macrodatos que nos permita deseñar as estratexias turísticas», apunta Martínez.

O programa púxose en marcha hai menos dun ano coa instalación dos primeiros tres puntos, polo que o Concello aínda non puido recoller suficiente información. «O que si vimos, por exemplo, é que o perfil de turismo que chega é similar ao que se move polo resto da comarca». É dicir, a gran maioría son nacionais, «aínda que cun peso importante de franceses, portugueses e ingleses, tamén pola proximidade». Adoitan ser familias, que viaxan no seu propio vehículo e que non pernoctan na localidade, simplemente están de paso.

Con este e outros datos, o Concello poderá predicir a demanda, personalizar a experiencia dos usuarios e, en definitiva, mellorar a visita á localidade. Este tipo de tecnoloxía vaise utilizar noutras localidades próximas, como en Vilagarcía, que pronto contará cunha plataforma de turismo intelixente que informará sobre o tráfico.

Comportamentos incívicos

Querer a mellor foto leva aos visitantes a cruzar certa liñas vermellas. A beleza de San Sadurniño quedou manchada o luns polo comportamento duns visitantes que escalaron polas torre para conseguir a mellor instantánea.

O goberno municipal fai un chamamento ao civismo «non só polo valor patrimonial do entorno, senón pola perigosidade que supón trepar á estrutura», apuntan. O Concello está estudando a posibilidade de poñer carteis disuasorios.