O cineclub da Illa a estrea en Europa de «Kueka: Memoria Ancestral, cuando las piedras hablan»
CAMBADOS
Será ás 20 horas no auditorio con entrada de balde dentro do ciclo de Cinema Venezolano
12 jun 2025 . Actualizado a las 12:28 h.El cineclub Entrecortiñas de A Illa de Arousa proxecta este xoves ás 20 horas no auditorio municipal Kueka: Memoria Ancestral, cuando las piedras hablan, da directora María de los Ángeles Peña Fonseca, dentro del Ciclo de Cinema Venezolano organizado pola asociación.
A proxección, con entrada libre até completar aforo, irá acompañada dun coloquio aberto sobre o papel do cinema na defensa das culturas orixinarias e sobre os procesos de restitución patrimonial.
O documental, estreado o 28 de maio en Caracas, presenta unha historia de fondo significado simbólico e cultural: a da recuperación da pedra Kueka, símbolo espiritual fundamental para o pobo pemón e un patrimonio de 14.000 anos de antigüidade, que foi retirada sen consentimento do seu territorio orixinario no sueste do país e levada a Berlín a finais dos anos 90, coa intención de integrala nunha instalación escultórica para representar a paz e a concordia mundial. Após máis dúas décadas de reclamacións, a pedra regresou á súa comunidade en 2020. Igual que algúns moais da illa de Pascua ou obxectos sagrados africanos espallados por museos europeos, a pedra Kueka converteuse nun símbolo global do dereito á memoria e á restitución cultural.
«Rodado no idioma pemón taurepán, o filme explora desde dentro os vínculos entre territorio, espiritualidade e identidade. A través de imaxes da gran sabana venezolana —unha das rexións xeolóxicas máis antigas da Terra—, arquivos e relatos comunitarios, Kueka presenta a tensión entre dúas formas distintas de entender o mundo: a cosmovisión ancestral dos pemón e a weltanschauung predominante nas sociedades occidentais modernas, que ás veces separa os valores culturais do contexto que lles dá sentido», segundo informa Entrecortiñas.