A Illa abónase ao jazz cun concerto do Manu Díaz Trío que contará con sangue arousá

La Voz A ILLA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

Terá lugar no auditorio municipal o día 21 de decembro.
Terá lugar no auditorio municipal o día 21 de decembro. Martina Miser

A formación tocará temas do disco no que están a traballar, o primeiro da súa carreira

18 dic 2025 . Actualizado a las 21:19 h.

O auditorio municipal da Illa servirá este domingo o escenario para un concerto da formación de jazz Manu Díaz Trío, que conta entre as súas filas cun arousán, o contrabaixista Berto Rial. Unha cita que dará comezo ás sete da tarde e á que se poderá acceder mediante unha entrada-donativo de cinco euros.

A formación liderada por Manu Díaz, guitarrista, e que completa o batería Rubén Iglesias, tivo o seu xerme no Seminario permanente de jazz de Pontevedra, e dende o ano 2019 pasaron polos escenarios das jam sessions do bar Diaño, o ciclo Jazz na Rúa da cidade do Lérez no 2020 e o festival de jazz da Armenteira en dúas edicións, na do 2020 e na do 2021. O seu repertorio amosa o eclecticismo dunha banda que se caracteriza tamén pola súa enerxía. Miles Davis, Camarón ou Jimi Hendrix poden mencionarse entre unhas amplas e variadas influencias ás que se lles pode sumar tamén a música brasileira, o rock dos sesenta ou o jazz máis tradicional. A velada servirá para tomar o pulso dunha banda que se atopa agora mesmo inmersa no proceso de composición e gravación do seu primeiro disco.

«É unha honra poder actuar na casa, compartir escenario con músicos cos que existe unha conexión tan forte e sentir o apoio do público da Arousa», declarou Rial, considerado todo un virtuoso na arte do seu instrumento. Pola súa parte, Manuel Suárez, tenente de alcalde da Arousa apreciou que «concertos coma este reforzan a vida cultural da Illa, poñendo en valor espazos públicos como o Auditorio e achegando á veciñanza propostas musicais de primeiro nivel».