O BNG presenta emendas aos orzamentos da Xunta por 38 millóns de euros

La Voz VILAGARCÍA

A ILLA DE AROUSA

O paseo do Cantiño na Illa rexistrou este ano dos afundimentos do firme
O paseo do Cantiño na Illa rexistrou este ano dos afundimentos do firme MONICA IRAGO

Só para o paseo do Cantiño na Illa reclaman 14 millóns

30 nov 2023 . Actualizado a las 11:22 h.

O BNG do Salnés presentou emendas aos orzamentos da Xunta para o 2024 por valor de 38 millóns de euros que abranguen peticións para varios concellos. Os nacionalistas reclaman investimentos en educación, sanidade, mar e política social. Entre estas últimas inclúense tres millóns de euros para a compra do asilo de Cambados e partidas para construír centros de día no Grove, Meaño, Vilanova e A Illa.

Neste último concello, o BNG vén de informar das súas propostas polo miúdo nas cales non podía faltar a reivindicación da remodelación do paseo do Cantiño, na que os nacionalistas consideran necesario investir 14 millóns de euros para resolver os problemas estruturais deste espazo e habilitar zonas de aparcamento.

Reclaman, ademais, que os orzamentos da Xunta reserven seis millóns de euros para a construción dunha mariña tradicional, un museo marítimo flotante, unha ruta interpretativa e a remodelación do edificio de usos náuticos para mellorar a capacidade de almacenaxe de barcos no inverno. Para a cuberta e accesibilidade do CEIP Torre solicitan 1,5 millóns, e para a mellora das estradas PO-307 e PO-299, 1,5 millóns. Por último demandan 2 millóns para a construción dunha nova depuradora de augas residuais na Illa.