Non será accesible para os cidadáns ata a publicación da nova orde reguladora no Diario Oficial de Galicia e a súa entrada en vigor, prevista para xullo. O sistema será similar ao empregado en Cíes e As Catedrais
28 jun 2023 . Actualizado a las 16:23 h.A Xunta está a ultimar a aplicación web que permitirá implantar a partir de xullo o novo sistema de control de acceso ao Areoso, na Illa de Arousa, coincidindo coa entrada en vigor da orde reguladora de usos públicos e actividades permitidas no espazo natural que conforman o arquipélago dos Guidoiros —do que forma parte este illote— e a illa da Rúa.
Con este obxectivo, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, o xefe territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en Pontevedra, José Manuel González, e persoal da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) mantiveron estes días unha reunión de traballo para pechar os últimos detalles técnicos antes da posta en marcha oficial do novo sistema.
A tal fin, a aplicación atópase actualmente en fase de probas aínda que non será accesible para os cidadáns ata a publicación da nova orde reguladora no Diario Oficial de Galicia e a súa entrada en vigor, prevista para comezos do vindeiro mes de xullo, tal e como avanzou a semana pasada a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.
O sistema deseñado pola Amtega para canalizar as autorizacións de visita e regular o fluxo de persoas que acceden ao illote do Areoso contou en todo momento co apoio e supervisión da Vicepresidencia Segunda e na práctica, será moi similar ao que se utiliza xa desde hai varios anos no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e no Monumento Natural das Catedrais, «polo que a súa eficacia e operatividade están demostradas», segundo informa a consellería.
O departamento autonómico empezou a traballar o ano pasado na regulación de usos e actividades permitidas no conxunto que conforman o Areoso e outra serie de illas próximas co fin de garantir o equilibrio entre a protección dos seus valores e recursos naturais e o aproveitamento público deste espazo, que nos últimos anos viña rexistrando unha afluencia de visitantes crecente.
Para asegurar o cumprimento deste obxectivo, a nova orde limita a 150 os visitantes diarios permitidos no illote arousán a través de tres quendas de visitas —do amencer ás 13 horas; das 13 horas ata as 17 horas; e das 17 horas ata o solpor—.
Ademais, antes de comezar coa redacción da orde e unha vez que dispuxo do primeiro borrador, a directora xeral de Patrimonio Natural mantivo unha rolda de contactos cos principais axentes públicos e privados con intereses na zona ou que se podían ver afectados pola futura regulación para buscar un documento o máis consensuado posible. De feito, incorporáronse ao redor do 90 % das alegacións recibidas durante a fase de información pública da orde, segundo subliñan desde a consellería.
Non obstante, empresas do sector na Illa expresaron o seu malestar coa Xunta por que din que mantívoas ao marxe destas conversas e porque, engaden, fáltalles información sobre como vai funcionar a aplicación.