A ximnasia rítmica, o novo deporte gacela

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

MONICA IRAGO

En 4 anos pasouse dun a catro clubs no Salnés, algún vivindo crecementos do 400 % no número de practicantes, e mesmo lista de agarda

15 jul 2018 . Actualizado a las 17:35 h.

O mundo da economía manexa conceptos e denominacións do máis curiosos. Un deles é o que fala de empresa gacela, aquela con crecementos de non menos do 20 % anual no seu volume de negocio durante varios exercicios, e que polo xeral, soe ser de recente creación, da orde de 2 a 5 anos de antigüidade. No Salnés atopamos o fenómeno aplicado ao deporte. Coa ximnasia rítmica experimentando nos catro últimos anos unha evolución brutal. Pasando da soidade do Club Ximnasia Rítmica Arousa, fundado no 2000, á convivencia de catro entidades deportivas coa aparición do Biqueira no Grove, en setembro do 2014, e do Grand Jeté cambadés e do Vilarousa de Vilagarcía, dous proxectos que naceron no 2015 como simples escolas, para evolucionar no 2017 en clubs de competición. Algúns deles experimentando aumentos de ata o 400 % no número de alumnos e de competidores. Estas son algunhas das claves do fenómeno rexistrado en catro clubs cuxos deportistas non deixan de traballar no verán.

Aumento exponencial

Máis de 300 practicantes, e lista de agarda. Os catro clubs do Salnés calculan nuns 315 os practicantes cos que traballan. Deles, 109 federados, isto é, orientados á ximnasia rítmica de competición. Números que nos casos das tres entidades xurdidas nos últimos catro anos abraian a algunha das súas promotoras. É o caso da adestradora e secretaria do Biqueira, a poiense Beatriz Graña, deportista no seu día do Saraiba, que ao ver «unha boa canteira» durante unha substitución nos colexios Bizocas e Conmeniño na actividade extraescolar de ximnasia rítmica fundaba en setembro do 2014 con Pilar Barros o club meco. O primeiro ano rematou con 13 ximnastas; hoxe traballa con 20 de competición e 50 na escola -non competitiva-, «e tivemos que deixar a 10 nenas da lista de agarda fóra, porque non tiñamos como atendelas», conta Graña. As illenses Estefanía Dios e Lorena Romero, das primeiras integrantes do C.X.R. Arousa, abriron a súa escola en Cambados con 15 nenas no 2015 e agora adestran 80 (23 de competición), con escolas ademais en San Miguel (Vilanova), Vilagarcía, O Gato Negro de Carril e A Illa. O Vilarousa, impulsado na súa marcha do club da Illa pola pioneira da ximnasia rítmica na comarca, a asturiana Sandra Estrada, nacía como actividade formativa no Liceo Casino con 20 rapazas, e na actualidade, xa como club, conta cuns 75, deles 34 federados. Con 90 practicantes, 32 en competición, o C.X.R. Arousa estaría superando un baixón con fondo no 2015, informa a súa vicepresidenta, María González.

O porqué do bum

A prata da selección española en Río como espoleta. As responsables dos catro clubs do Salnés coinciden na existencia dun bum da ximnasia rítmica a nivel global en España. Un fenómeno que atribúen en primeiro termo ao éxito da selección española nos Xogos Olímpicos de Río 2016, nos que acadou a prata. Ao número, sinala María González (X.R. Arousa) súmase que «as nenas da escola, que comezan con moita ansia, e vana perdendo en inverno, agora aguantan máis tempo». «Creo que antes o noso deporte non era tan coñecido, e grazas á televisión e á prensa iso está a cambiar», di Estefanía Dios (Grand Jeté). «Os nenos unha vez no club ven como manexan os aparellos os que xa compiten, e quedan alucinados», comenta Graña.

Primeiros pasos

Sete nenos entre un mar de rapazas. «Ogallá, encantaríanos, pero ningún neno se anima de momento», contan no Gran Jeté. O Biqueira, C.X.R. Arousa e Vilarousa si teñen xa rapaces do sexo masculino. Catro, dous e un, respectivamente. E algún deles, xa con palmarés. É o caso de Eidem, no Vilarousa, «con una motivación excepcional», di Sandra Estrada. Aos dous meses de iniciarse na ximnasia rítmica pasou a formar un conxunto de competición prebenxamín con catro nenas debutantes, conseguindo na súa estrea un bronce provincial e o quinto posto no Campionato Galego. «Ultimamente estáse a fomentar máis a ximnasia rítmica entre os nenos, e encantaríanos ter máis», subliñan no Biqueira.

Instalacións e resultados

Lugares de adestramento mellorables, pero sen queixa, e competitividade non sempre en primeiro plano. O Biqueira adestra no pavillón do Colexio Conmeniño trece horas á semana tres días, e «estamos moi contentos coa instalación, e coas facilidades que nos dá o Concello». Ademais do pavillón da Castelao para a escola, a Fundación de Deportes de Vilagarcía concedeulle a tempada pasada ao Vilarousa o pavillón da Torre mércores, xoves e venres, e «ya es como nuestra casa», di Sandra Estrada; sobre todo despois de deixar de ter que adestrar no cemento tras comprarlle un tapiz ao club o pai dunha deportista. En Cambados o Gran Jeté vai usando os pavillóns dos colexios Magariños e San Tomé, e os seus conxuntos o do Instituto Asorey. Sen máis recintos deportivos cubertos cos do colexio e instituto da Illa, que lle dan cobertura, o C.X.R. Arousa entende o reparto de horas, pero pide, non só ao Concello «máis apoio das institucións» a un deporte gacela. Unha disciplina na que «bailar, las purpurinas y pinturas en la cara, hacer volteretas, motiva más a las niñas que la competición», sostén Estrada, para engadir «si después quieres trabajar la competición, debes ir probando, porque a lo mejor la niña lo pasa mal, y prefiere hacer solo exhibiciones. En un club tiene que haber esas dos opciones». A da escola, e a de ximnastas como a grovense Naila Muñiz, que co seu traballo no Biqueira leva tres años gañando o dereito a competir no Campionato de España, preparando nestes momentos a Copa de España de novembro en alevín individual de base.