A Illa de Arousa: que mundo (de homes e mulleres) tan distinto o noso
AROUSA
Mentres noutros lugares de España se está a votar se as mulleres teñen dereito a participar nas festas dos seus pobos, e a maioría deciden que non, na Arousa sacan a Virxe do Carme a ombreiros
23 mar 2026 . Actualizado a las 19:44 h.Hoxe lía nun periódico nacional que noutros lugares de España aínda están a celebrar asembleas para votar se as mulleres teñen dereito a participar nas festas do seu propio pobo xunto aos homes. Festas de séculos de historia. E a maioría vota que non. «A tradición é a tradición», din. E dixen: que mundo tan distinto o noso.
Pensei nas mulleres da Arousa sacando a Virxe do Carme a ombreiros. Con forza, con suor, con fe. Sen que ninguén lles votara ese dereito nin lles fixera ningún favor. Sen debates nin asembleas. Sen que ninguén tivese que defender en voz alta o que aquí sempre foi natural.
Porque na Illa de Arousa a xente non necesita que lle expliquen que a festa é de todos e de todas. Non necesita votalo. Simplemente víveo. E iso non é casualidade, é o reflexo de como é este pobo: aberto, xeneroso, sen complexos nin medos.
Vivimos nun lugar que avanzou case sen darse conta, polo simple feito de ser como é. E iso, hoxe lendo as noticias do que pasa fóra, éncheme dun orgullo enorme.
Non todos os pobos son iguais. O noso é especial. E días coma hoxe nótase máis ca nunca.
Que sorte ter nacido aquí!