O Asmubal Meaño é superado pola ansia de supervivencia do Hand Vall Valladolid (34-27)
AROUSA
Conquistar un obxectivo como o da continuidade nunha categoría a mes e medio da conclusión dunha liga é marabilloso para as súas protagonistas, pero tamén unha trampa anímica. Porque mentres un cadro de xogadoras como as do Inelsa Solar Asmubal Meaño poden encarar o último tramo do calendario sen ansiedade, no camiño vanse cruzar con rivais que teñen moito que remar inda para selar cadanseu obxectivo de tempada. Como o caso do Hand Vall Valladolid. A ansia de supervivencia na División Honor Plata Femenina do cadro pucelano lanzouno o pasado sábado por riba do cadro galego, que aos 20 minutos de xogo se vía xa dobrado no marcador, 12-6, e nove goles por debaixo ao descanso, 20-11.
Nin as xogadoras nin o técnico do Inelsa Solar, Juan Manuel Costas, estiveron á altura mental requirida para superar con éxito a súa proba na xornada 21 do campionato. Que o segundo tempo morto do técnico meañés non chegara ata o minuto 41.41, xa con todo o peixe vendido, rematando o encontro sen tirar do terceiro ao que tiña dereito dá fe. No descargo do Asmubal, o seu défice de efectivos, coas 12 balonmanistas xustas para poder xogar.
FICHA DO PARTIDO:
HAND VALL VALLADOLID (34): Raquel Burgos, Lydia Díez (1), Milagros Belén (4), Alicia Hernández (2), Silvia Pérez (7), Jimena Gil (1), Sara García (1), Sofía Perez (3), Carla Emilse (3), Laura Garnacho, Sara Fernández, Carolina Delgado (5), María García (5), Elena Llorente e Luciana Evangelina (2).
INELSA SOLAR ASMUBAL MEAÑO (27): Irene Ríos, María Currás, Agustina Ballada (3), Claudia Vera, Alba Domínguez (1), Laura Miniño (13), Irene Romero (2), Uxía Varela, Luna Otero (3), Raquel Muñiz (2), Vanesa Domínguez (2) e Shaila Fdez. (1).
MARCADOR CADA CINCO MINUTOS: 2-1, 5-2, 8-5, 12-6, 15-9, 20-11 (descanso); 22-14, 24-15, 28-18, 31-23, 33-26 e 34-27 (final).
ÁRBITROS E EXCLUSIÓNS: Iván Álvarez e Javier Casado. Castigaron con 2 minutos a local Raquel Burgos (min. 44.05).