Os Ingleses remóntalle 11 puntos ao CRAT para irse ás semifinais polo título como campión da fase regular
AROUSA
Os de David Lema mantéñense invictos en Fontecarmoa
02 mar 2026 . Actualizado a las 20:51 h.Os Ingleses R.C. deron o pasado sábado un golpe na mesa, reclamando a condición de favorito ao título de campión da Primeira División de rugbi galego masculino. No estadio de Fontecarmoa, diante dos seus afeccionados, o conxunto que dirixe David Lema impúxose nun épico final no seu duelo polo título honorífico de campión da fase regular fronte ao CRAT. Un ensaio a un minuto do final acompañado do acerto na transformación completou unha remontada para os anais do club vilagarcián ante o xigante herculino, que de verse por diante 19-30 no inicio da segunda metade acabou claudicando por 32-30.
Moito tivo que pelexar Os Ingleses para sacar adiante o partido. Dous tiros a paus poñían por diante 0-6 o CRAT no minuto 6. O cadro local reaccionou con dous ensaios de Javier Amor transformados por Eire Fernández, que unidos a un terceiro ensaio, de Javi Torres, o mantivo no partido ao descanso, con 19-23 no marcador.
Fernando Fernández e Rodrigo Sánchez subían o 19-30 no minuto 43. Quedaba practicamente inda toda a segunda metade, pero o CRAT poñía terra de por medio. Eire Fernández agarrou os seus ao duelo a cara de can acertando en dous golpes de castigo nos minutos 60 e 68 que posibilitaron o desenlace. A piques de concluír o tempo regulamentario, Adrián Fernández, Gambita, atopou un oco na defensa coruñesa para posar o oval tras a liña da portería rival. O empate volvía ao marcador de Fontecarmoa, pendente de que, co tempo xa cumprido, Eire Fernández buscase a gloria coa transformación. E o rugbier arousán non desperdiciou a ocasión.
Os Ingleses pechou a primeira fase da Liga cunha soa derrota, ante o CRAT na Coruña, e chega invicto como local a unhas semifinais polo título nas que se verá as caras co Universidade de Vigo a dobre partido: o 15 de marzo como visitante e o 29 en Fontecarmoa.